10/05/15


O MAlO                                     

Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enriquez - "Aires da miña terra"
  Comentando , un pouco por riba, este poema que nos fala dos maios,  haberá que dicir que se refire á festa dos Maios, Son os nenos os que os van cantando de porta en porta; son uns nenos moi pobres porque as súas puchas están furadas e as utilizan para recoller as crocas ou castañas secas que  piden por cantar; son nenos con fame. 
  Pero non van poder recibir ningún agasallo, porque ao  referirse ao pobo galego, que daquela era moi pobre e sen recursos, compárao cun inverno no que non hai nada. Cando o galego non teña que pagar uns impostos ao Señor da terra ou,á Igrexa, os seus dezmos, terá o suficiente para poder alimentarse e non terá que marchar da súa terra para poder xuntar os cartos que se lles esixen.
  Será entón cando realmente poidan cantar un maio diferente, con alegría e co desexo dun futuro mellor.
  O autor achéganos áproblemática que sufrían as xentes de Galicia naqueles momentos e aínda que maio é un mes de alegría, de renacer,el vaino negativizar con esta problemática social.
 Para entender mellor algunhas destas palabras, que hoxe están algo en desuso, propoño este pequeno vocabulario:
PUCHA- Peza de tea, xeralmente redonda, con ou sen viseira, que se usa para cubrir a cabeza; boina.
CROCAS - Castañas secas.
TRABUCOS - Impostos, tributos, cantidade que se paga como contribución ó Tesouro Público.
PRÉSTEMOS - Contrato segundo o cal unha persoa ou unha entidade social recibe doutra unha cantidade determinada de diñeiro coa condición de devolvelo nunhas condicións prestablecidas (habitualmente xunto cuns xuros determinados).
ABADE - Superior dun mosteiro ou orden monástica.
USURA - Delito cometido por quen presta cartos con xuros desproporcionados e superiores aos normais.
QUINTA - Renda que se pagaba coa quinta parte dos froitos que se colleitaban nas leiras que había arredor dunha casa.
PORTAS - Impostos para vender os froitos nos mercados.
FOROS - Tipo de contrato, especialmente agrario, polo que unha persoa ou institución cede a outra o uso ou proveito a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.Canon ou pensión que se pagaba en virtude deste contrato.
CREGO - Cura párroco a cargo dunha freguesía ou parroquia.
SEGAS - As que  facían do trigo en Castela os galegos que aló ían traballar para gañar uns cartiños e poder pagar os impostos.
  Se queredes, podedes escoitar a Luis Emilio Batallán cantando este poema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario