03/12/21

 EU QUERO IR A NAVEGHAR!!


Cando eu nacín ti ías cumprir sete anos. A partir de aí, dende a miña nenez teño lembranzas que non se borraron , que teño contigo, meu querido Pacho.

Sintíase un privilexiado por ser o único dos catro irmáns que nacera na casa familiar na que viveu ata o seu casamento.

A última imaxe que permanecerá entre todos nós é a do retrato realizado polo fotógrafo da familia, o seu neto maior, Ismael.

Nela podemos recordalo tal como era, neses momentos irrepetibles de cando se puña a ler as súas "novelas de vaqueros".

Tiña atesouradas unha gran cantidade delas que ao longo dos anos foi acumulando; unhas mercadas e outras regaladas. Desfrutaba lendo as peripecias dos vaqueiros do Oeste.

A súa viseira, as gafas de ler e a súa inseparable chaqueta de la gris tecida polas miñas mans, formaban parte da súa imaxe máis recente.

Pero, xunto ás "novelas de vaqueros", as súas partidas de cartas e os solitarios enchían o seu devir diario.

Foi un rapaz afable, amigo dos seus amigos pero algunha das súas trasnadas, que eran moitas, facían incomodar aos nosos pais. Pero o que realmente lle gustaba era ir ao mar e repetía moitas veces: "eu quero ir a naveghar"

Quizás o gran río Ulla tivese a culpa e fose inspirador dese desexo ao contemplar ao baleiros ir pescar polo río e sentiríase partícipe desas tripulacións e imaxinaría esas aventuras que escoitaba da boca dos mariñeiros.

Casou coa moza que sería a nai desa gran familia que formaron ambos os dous e á que cariñosamente chamaba "a señora Lola"

E os anos foron pasando e a vida deu moitas voltas e, esa gran familia foi medrando coma unha árbore con moitas pólas das que penduran eses fermosos froitos, que hai que coidar, o mesmo que o tronco, para que permaneza con saúde durante moitos anos.

A súa casa sempre estaba chea, coa mesa completa pero sempre había lugar para alguén máis.

Adicouse a varios oficios pero aquel rapaz que quería ir a naveghar cumpreu o seu sono de ir ao mar, ese desexo contido durante tantos anos. Por fin sería mariñeiro de moitos mares. E coma se do vello Simbad se tratara, gustaba de contar historias, unhas reais e outras non tanto, das súas travesías marítimas e que facían manter a atención a todos cantos as escoitaban.

Teño infinidade de anécdotas que me bailan pola cabeza, pero a de "comer conexo ao escaparate" foi unha que nunca olvidarei....moita gracia nos fixo.

Tiña un gran sentido do humor pois chegaba a contar historias fantasiosas, case imposibles, facéndoas cribles e acabábamos rindo xa que ao final descubríase "o conto".

Se a vida de calquera persoa se puidera contar con cancións el tamén tería as súas, pero unha que lembro especialmente é a canción portuguesa que moitas veces lles cantaba aos meus fillos  e que di así:

"Eu fun em Portugal

a cavalo dun mosquito

E disse-me o portugués:

que cavalo mais bonito"

Gustaba de facer debuxos do Capitán Galvao e do Trasatlántico Santa María, famoso por aqueles tempos.

Tamén arriscou a súa vida salvando á  doutros de morrer afogados; un rapaz no río Ulla e logo tamén a uns náufragos en altamar. Era moi decidido.

Teño que recordar a frase: "hai que matar ao home dos calendarios". Pronunciábaa sempre que alguén da familia ou amigos cumprían anos.

Era a súa frase "copyright"  que recordaremos sempre.

Pero nos últimos tempos, e por un cúmulo de circunstancias a vida non se fixo tan fácil, eu dicíalle: "mellor non matemos ao home dos calendarios para poder seguir cumprindo anos".

Non me debeu facer caso e, ese neno que soñaba con ser mariñeiro, fixo a súa última travesía sen viaxe de volta.

"Navega  mariñeiro, faena tranquilo por ese mar de prata, na túa barca arrastrada polas sereas que chamaron por ti"


En lembranza de Bernardino Llerena Orgaz

Un ano sen ti.


A túa irmán Marisel





20/11/21

A CONTA ATRÁS

 Coma se dun recluso se tratara, contaba os días que faltaban para poder saír do seu confinamento.

Nun calendario que colgaba da parede da súa cociña, ía marcando cunha cruz as datas que ían transcorrendo desde que as autoridades aplicaran as medidas de protección derivadas da situación epidemiolóxica.

O seu caracter inquedo non lle permitía concentrarse e, cando chegaba a hora de ir durmir, mil cousas lle pasaban polo seu maxín.

Cando remataba o día e se poñía a chover suavemente pero dunha maneira monótona, as gotas da chuvia do tellado caían sobre un vello caldeiro de cinc e  dábanlle a entender unha melodía encadeada que non lle permitía conciliar o sono.

O día a día ía transcorrendo entre lecturas de libros xa lidos, os pasatempos, a televisión, o paseo co seu can  e pouco máis.

Vivía nunha casa rodeada dun pequeño xardín , o que lle permitía saír pasear e contemplar a vida cotiá do seu contorno próximo.

Distraíase vendo pasar os coches pola rúa e chamáballe moito a atención a cantidade de mercadurías que chegaban ás casas dos veciños traídas por servicios de transporte en pequeñas furgonetas. Probablemente serían compras realizadas "online" debido á imposibilidade de acudir fóra da súa residencia habitual a aprovisionarse de cousas necesarias para a vida diaria.

Tamén lle sorprendía a cantidade de lixo que cada día se amoreaba non contedores,  tanto plástico, tanto cartón!...

Unha volta atrás na redución  de plásticos... máis reciclaxe...máis custos....

Non tiña afeccións, case non se relacionaba cos seus veciños e saía da súa casa para ir mercar o necesario para facer máis soportable esta situación de encerro.

E cada día que pasaba contaba de maneira positiva no seu ánimo, sempre pensando que podía ter sido peor.

Así se animaba con estes pensamentos, esperanzado en que ía saír con ben desta etapa que lle tocara vivir e que fora algo tan imprevisible e nunca imaxinada.

Logo de pasar varias semanas baixo unha circunstancia case surrealista, a lus dun amencer solleiro que penetraba a través das contras da ventá do dormitorio, presaxiaba un cambio de vida para mellor.

"Xa vai quedando outro día menos para saír deste pesadelo"-pensaba para si mesmo.

 


Pequeno relato.

Autora: Marisel Llerena

19/05/21



LETRAS GALEGAS 2010


"OS EIDOS" DE UXÍO NOVOREYRA


                                      COUREL DOS TESOS CUMES

 

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!

Eiquí síntese ben o pouco que é un home…



                        HEIN d’ir o Pía Páxaro i a Boca do Faro

                        deitarme na Campa da Lucenza nun claro.

                        Hein d’ir á Devesa da Rogueira i a Donís

                        ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís.

                        Hein d’ir a Lousada i a Pacios do Señor

                        a Santalla a Veiga de Forcas i a Fonlor.

                       Hein d’ir ó Cebreiro pasar por Liñares

                       rubir ó Iribio a Cervantes i a Ancares

                       Hein d’ir a Cido i a Castro de Brío

                       baixar i andar pola aurela do río.

                       Hein d’ir a Céramo cruzal’o Faro i entón

                      debrocar pra baixo cara Oéncia e León.

                       Hein d’ir a Vales i a Pena da Airexa

                     i a un eido solo onde ninguén me ve.


Un paseo polo Courel podemos realizar lendo este poema do autor e acompañado de fotografías dos lugares aos que alude . Lugares aos merece a pena ir ver.
Mural elaborado polo alumnado de 5º curso de Ed. Primaria do C.P.I Progreso.
                                                                   Curso 2009-2010

                 


               





17/05/21

    

O FINAL DA LONGA NOITE


Cando a escuridade

invada o día a día

teremos que ir buscar

 sempre algunha saída.

Teremos claridade

cando acabe a penumbra.

Ese raio de lus,

ese raio de lus

que nos sirva de guía.


Cando chegue por fin

teremos alegría,

que vivir ás escuras 

non é cousa debida.

Iremos cara adiante

superando as tristezas.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus 

que chega á nosa vida.


Logo da longa noite

chegará a lus do día,

poderemos saír

desta profunda sima.

Hai que retificar

 moitos dos nosos erros.

Ese raio de lus,

ese raio de lus

nos quite esta agonía.


Poderemos voltar

a xuntarnos de novo,

xa nos queda moi pouco

pero iremos amodo.

Chegaremos así

ao final desta noite.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus

que brille sobre todo.


E o barco chegará

de novo a un bo porto, 

cargado de saúde,

sen nada perigoso.

É hora de desfrutar

destes bos novos tempos.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus

locerá maxestuoso.


Poemas en tempos de pandemia.

Marisel Llerena




16/03/21

CALENDARIO DOS NOSOS OFICIOS


                                                  

     CURSO ESCOLAR 2012-2013


                                           PORTADA DO MES DE MARZO 

             Elaborada polo alumnado de 4ºA 


Moi interesante este traballo sobre os oficios tradicionais, que era a temática da biblioteca para ese curso académico. 

Algúns deles xa en desuso ,coma o dos arrieiros, animoume a facer un pequeño resumo do que foi este oficio en tempos pasados.

Aínda que daría para contar infinidad de detalles,centrareime en dar a coñecer o fundamental.

A orixe da palabra arrieiro provén da palabra arrear, é dicir, estimular ás bestas para que boten a andar, que sigan camiñando e apuren o paso..

O arrieiro é a persoa que ten por oficio transportar marcancías con animais de carga.

Oa arrieiros eran os transportistas da Idade Media, Moderna e Contemporánea, ata que desapareceron pola aparición de novos medios de transporte  e novos camiños para comunicarse. Os arrieiros transportaban desde carbón, sal, cal, xamóns,viño ou peixe salgado....

Moitas veces o traballo de arrieiro era complementario ao de labrador ou gandeiro  xa que ás veces estes últimos eran non proporcionaban suficiente para a súa economía familiar. 

Se botamos unha ollada ao Catastro da Ensenada de 1752, poderemos constatar o número de arrieiros por zonas, unha información moi valiosa para entender a demanda deste transporte xa desde tempos pasados.

Coma animais de carga posuían cabalos ou mulas. Aínda que as mulas eran as súas preferidas por ter máis resistencia e capacidae de carga. Eran moi cotizadas. Cada mula podía levar sete olas de viño e cada ola levaba 16 litros, no caso dos que proviñan da zona do Ribeiro.

Según o seu poder económico, os arrieiros podían ter mulas ou cabalos.

Unha recua era unha fila de animais de carga atados uns detrás dos outros e podía ter ata dez ou doce bestas e algún chegaba a ter ata vinte animias.

Este é un oficio moi duro, tiñan que soportar as inclemencias do tempo( chuvia, neve, vento, néboa..)

Tiñan poucos medios para protexerse e usaban unha coroza de palla. Con neve  tiñan que ir diante do carromato pisando a neve  para facer camiño aos animais.

Ao longo das rutas de arrieiros había mesóns onde parar a descansar e comer, tanto eles coma os animais. Pero tamén había construcións a o longo do camiño, que lle servían para descansar e pasar a  noite ao abrigo e almacenar mercadorías. Na zona de Forcarei aínda perduran algunhas delas.

 Os itinerarios que seguían de cara o Ribeiro eran moi variados e dependían do lugar de onde partían.

Na actualidade estanse a recuperar as rutas que facían os arrieiros coma unha  maneira de protexer e por en valor todo aquello que tiña relación con este sector económico. 

Fanse rutas a cabalo percorrendo aqueles camiños polos que transitaban para levar as mercadorías que transportaban e que tan necesarias eran naqueles tempos nos que as comunicación eran tan precarias.

Facíanse intercambios de productos entre o interior e a zona costeira. 

Contan que chegaban ao porto  de Marín a buscar polbo para a feira do Carballiño. Botaban a noite polo Paraño e madrugaban para chegar a tempo con el.

Tamén , o peixe era moi prezado e para conservalo esperaban a que yo preparasen e salasen para poder levalo as zonas onde non chegaba.

A tradición oral e escrita conta que o pulpo chegaba a esas zonas do Ribeiro por que o porto e Marín  pertencía ao Priorato de Oseira (suponse que a partires de mediados do S XVII ata mediados do S XIX)  e polo tanto  pagaban un tributo en especie, sobre todo peixe  e o polbo seco para poder conservalo por máis tempo e que, debido á súa abundancia, recibían unha peza por  cada catorce desmbarcadas, acabaron por comercializalo entre a xente desa zona, convertindo este producto en algo habitual na súa alimentación por tratarse dunha especie pouco valorada.

Foi en Arcos, parroquia do Carballiño, onde esta tradición está máis arraigada, e onde unha gran maioría das súas xentes adícanse a preparalo nas feiras e festas da nosa terra.

Por toda Galicia descorrían rutas de arrieiros, aínda que os que máis fama tiñan eran os procedentes do Ribeiro. 

No Ribeiro había a figura do chamado "corredor", que acompañaba ao arrieiro ás adegas para tratar de intermediario na compra de viño. Cando o adeguiro e o comprador non se puñan de acordo, o corredor partía pola metade a diferenza de prezo e nese momento dábanse unha aperta de man en siñal do trato feito.

O oficio de arrieiro transmitíase de pais a fillos desde tempo inmemorial. Algúns corredores convertíronse en almacenistas de viño.

Moitos arrieiros pasaron a ser transportistas de mercadorías con camións e autocares de viaxeiros para as feiras, festas e mercados. Estes autocares eran convertibles, quitaban os asentos e quedaba libre para as mercadorías. Naqueles tempos, eran personas emprendedoras que souberon adaptarse ás novas circunstancias.

Como pode verse no mural, están algunhas desas palabras relativas ao vocabulario deste oficio:

Carromato.- O carromato estaba formado por unha plataforma de madeira, con dúas rodas radiadas e dúas varas na parte dianteira, entre as que situaban a cabalería máis poderosa e resistente.

Plataforma.-Superficie plana e horizontal, elevada sobre o chan. Debaixo dela tiñan a panza , ou piso suplementario, para facer máis baixo o centro de gravidade, onde ás veces cargaban pedras, sacos de area  ou pelellos de viño.

Coroza.-Capa con carapucho confeccionada con palla de centeo ou con xuncos, utilizada para protexerse da chuvia.

Vergallo.-Vara delgada e flexible que se empregaba para dirixir as bestas, cabalos ou mulas.

Cincha.-Correa  de coiro duns oito ou dez centímetros de ancho, que rodeaba o lombo e a barriga do animal , para que unida ás varas ou cadeas tirara do carro e con que se suxeitan e apertan os arreos das cabalarías.

Colarón.-Peza de coiro ou de metal que se pon arredor do pescozo polo que se terma o cabalo ou a mula e se engancha ás cadeas ou cordas que, a cada lado do animal, tiraban polo carromato. 

Cabezal.-Corda ou correa trenzada de tiras de coiro coa que se prenden as bestas ou cabalarías pola cabeza.

Bocoi.-Recipiente de madeira destinado a conter líquidos, especialmente viño, máis grande co barril e ca pipa, cunha capacidade media entre trescentos e setecentos litros.

Pelello.-Recipiente feito con pel de cabra cosida que se empregaba para conter e transportar viño.

Galga.-Freo do carro aplicado ás rodas.

Tentemozo.-Pau vertical no que se apoiaban as varas do carro para descansaren os animais.

Banco ou pescante,-Asento de madeira longo e estreito, onde ía sentado o arrieiro que conducía as mulas e o seu acompañante.

Debaixo do asento , erguendo a tapa,aparecían dous compartimentos. Nun levaban as ferramentas de ferrar as bestas e  noutro metían algo de comida para o camiño e a bota de viño.

Roda.-Peza circular que xira ao redor dun eixe e que pode ser de diversos materiais e ter usos moi diversos.

Capota.-Cuberta móbil dun vehículo, que pode estenderse ou recollerse. Servía para protexerse da choiva ou do sol. era unha lona colocada sobre unha armazón de varas que colgaba tapando a parte traseira e polos laterais.

Mesón.-Establecemento no que se serve comida e bebida. Eran paradas de arrieiros.


A Gastronomía relacionada cos arrieiros

Debido á presa coa que ían e os perigos do camiño, a comida era parca e sinxela.

 Invención deles foi "A carne richada", "A carne ao caldeiro" e "As sopas de cabalo cansado".

"A carne richada" ten a súa orixe nos arrieiros que paraban nos mesóns do camiño e lle suministraban  a carne á cociñeira para que lla pasara pola tixola de maneira rápida, sen case tempo de facerse polo que a maioría das veces estaba dura e dicíase que "aínda richaba".

"A carne ao caldeiro" era carne que levaban e cocían con unto e sal os arrieiros nas súas paradas de noite. Unha vez que ían comela botábanlle pemento picante e aceite en crú. Acompañábase de cachelos e o caldo de cocer a carne agradecíase moito para quitar o frío do inverno.

"As sopas de cabalo canso" chámanse así por que llas daban aos cabalos ou mulas cando non eran capaces de seguir tirando do carromato. Facíanse cunhas codias de pan, molladas en viño con azucre.


Refráns relativos ao oficio de arrieiro

- Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de cana, perde máis que gana.

-De arrieiro a arrieiro non pasa diñeiro

-Arrieiro rabudo, malla na besta e malla no burro.

-Vale máis arrieiro dunha besta que criado dunha recua.

-Arrieiros somos e no camiño da feira nos atoparemos.

-Pois somos recueiros e no camiño nos atoparemos.

-Xogan os machos e págannas os arrieiros.

-Os tres arrieiros que levan o viño do val son Miguelete, Crucete e Marquete.

(San Miguel, Santa Cruz e San Marcos, as épocas das xeadas máis perigosas)

-Arrieiros de loubán cunha besta catro van: dous arrean, un contén e outro mira se vai ben.

-En morrendo o arrieiro sábese de quen é a recua.

-A burro pardo arrieiro arroutado.

-Falr de viño e de diñeiro, é cousa dun arrieiro.

 

                                     CALENDARIO DOS NOSOS OFICIOS 2013




O cantar do arrieiro

 

O cantar do arrieiro

 é un cantar moi baixiño.

 

Cántano en Ribadavia,

 resoa no Carballiño.

 

Xa me compraban a g(h)aita

 ei eu non a quixen vender.

 Porque a miña g(h)aitiña

 é da miña muller.

 

Xa me compraban a g(h)aita

 e eu non a quixen vender.

 

 Non te cases co arrieiro

 que leva a vida penada.

 Nin oe misa o domingo,

 nin durme soio na cama.

 

 Lévame no carro, leva

 arrieriño das uvas

 Lévame no carro, leva,

 comerei das máis maduras.

 

 No me la vendas marido,

 no me la vendas por Dios,

 que esta túa gaitiña

 la tocamos los dos

 no me la vendas marido,

 no me la vendas por Dios.

 

Cantiga popular


CANTIGA DA TERRA DE MONTES

Fun o viño ao Ribeiro,
e pasei pola Almuzara,
e no alto de Soutelo
bateume a neve na cara.

Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.

O arrieiro de Murada
vai polo Paraño arriba,
mociñas de Vilapouca
téndelle a carne cocida.

¡Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.

"O folclore musical, a máis xenuína manifestación da realidade sociolingüística e cultural, proporciona elementos de xuízo moi fidedignos e valiosos,pola súa carga testemuñal e expresiva, para profundar no coñecemento das particularidades temperamentais dun pobo, dos trazos anímicos do seu celme colectivo, dos seus costumes e a súa enxebreza, da actitude perante a vida e a morte, do seu modo de ser e sentir. Creacións e recreacións anónimas cedidas xenerosamente ao patrimonio cultural común,os cantares son testemuños dun tempo e modo de vida pretéritos, cando os camiños eran ríos de xente que levaban ledicia a campos e aldeas en que a precariedade se adozaba co mel da expectativa feita realidade no paseo, na ruada, na foliada, no fiadeiro, na esfolla, na espadela, na romaría, ...
O cantar do arrieiro ten o ritmo pausado dos machos cargados que fan longas camiñadas, pra facer o camiño máis levadeiro.
As cantigas fanse expresión de amor á terra, salientan a actividade do campo e manteñen viva a memoria de oficios tradicionais (costureiras, xastres, carpinteiros, tecedeiras, cesteiros, seitureiros, muiñeiros, canteiros, arrieiros, ...)".

"Xoaquín Lorenzo Fernández e o Cantigueiro popular". Delfín Caseiro Nogueiras


A literatura popular tamén ten coma protagonista ao arrieiro

CARBALLO DO VIÑO (O Pelete. San Sebastián de Covelo-A Lama). Conta a lenda que unha das mulas dun arrieiro, que ían cargadas de viño, deulle unha couce ao fillo e deixouno medio morto. Desesperado, o seu pai pediu a intercesión da Virxe dos Remedios para que o curara. O arrieiro agradeceulle á Virxe a curación donando o viño que se consumira na festa. Na festa dos Remedios séguese a tradición de regar o carballo con viño. Segundo os veciños por iso este carballo se mantén tan saúdable despois de tantos anos.

 No seguinte enlace podedes ler este conto:

https://academia.gal/hemeroteca-web/paxinas.do?id=11121"

O xastriño- arrieiro". Amador Montenegro Saavedra

Non quere dicir que só houbese arrieiros na zona do Ribeiro, e quedaría moito que contar sobre elo.

A diferenza dos arrieiros tamén había os chamados "carreteiros", que con bois tirando do carro percorrían moitos camiños levando mercancías de todo tipo. Na zona de Dodro, tiñan moita sona os bois que se criaban alí nas brañas de Laíño, á beira do Ulla. Eran moi prezados pola súa carne e coma animais de tiro.

E ata aquí un pequeno resumo do que era un oficio xa desaparecido e  pouco coñecido.


Bibliografía: 

A ESTRADA. Miscelánea histórica e cultural. Núm. II

Os derradeiros arrieiros de Tabeirós- Terra de Montes

Luis-Manuel Caxide Diéguez

http://cousasdecarragal.blogspot.com/2020/10/marin-el-pulpo-oseira-y-as-pulpeiras-de.html

Cadernos de Fraseoloxía galega. nº3. Centro Ramón Piñeiro

Cadernos de Fraseoloxía galega. nº 2. Rfraneiro Galego.

 Xesús Taboada Chivite. Centro Ramón Piñeiro

"Refráns da xustiza".Xesús Ferro Ruibal

 Dicionario da RAG