14/03/24

 IMOS DE ROMARÍA¡


En San Xulián de Requeixo

é día de romaría,

San Lázaro se celebra,

hai festa e hai alegría¡


Estoupan alto os foguetes¡

resoan as alboradas¡

tocadas polos gaiteiros

para animar a xornada.


Veñen de moitos lugares

os romeiros a San Lois,

que atraídos polo Santo

escoitan a Santa Misa

e rézanlle con fervor:

"Ti que es Santo milagreiro,

intercede aquí por nós

e dános consolo aos tristes

e aos enfermos, curación".


E nunca pode faltar,

nesta antiga romaría,

 unha figura de cera

e de mirto, unha ramiña

que levan na súa man.

Pasarana polo Santo

para que os poida sandar.


E daránlle unha esmola,

e unha estampa collerán,

que levarán no seu peto

para poderlle rezar.


E cando saian da Igrexa

despois de escoitar a Misa,

como manda a tradición

hai que probar as rosquillas

e os churros, que tamén son,

o típico deste día.


É unha data de xuntanzas,

as familias vanse ver.

E os que viven na distancia

a Cesures van volver.


E xa acabou a xornada,

rematou a romaría.

Agardamos que volvades 

para o ano, neste día.


Este domingo, 17 de marzo, celébrase a festividade do San Lázaro.

Non é un día fixo, xa que depende de cando sexa a Semana Santa.

Sempre se festexa  o domingo anterior a Ramos.

É unha das romarías máis antigas de Galicia. A tradición remóntase a Idade Media época na que a enfermidade da lepra facía estragos entre a poboación. Estes enfermos eran illados en lugares afastados , sempre "extramuros", para evitar os contaxios.

Aquí en Pontecesures, antes chamado San Lois, xa que recibe este nome polo rei francés que participou nas Cruzadas e que faleceu afectado pola peste pódese afirmar a súa relación con San Lázaro. Ambos os dous foron víctimas dunhas das peores enfermidades para as que non había remedio. 

Antes de edificarse a nova Igrexa Parroquial, había no seu lugar unha pequena capela baixo a advocación de San Lázaro xa que aquí existía un Lazareto ou tamén chamado Malatería onde vivían os afectados.

Moitos destes lugares eran construidos preto da desembocadura dos ríos xa que os que viaxaban por mar chegaban aos portos, as máis das veces con enfermidades contaxiosas que podían chegar a convertirse nun foco de morte para a poboación.

No lugar da Rúa Nova situábanse unhas casas que daban acubillo a estes enfermos e con motivo de pedir a curación deste mal foi como as xentes comezaron a acudir en oración para poder librarse desa tan temida enfermidade.

Deberíase retomar a celebración do San Lois, que no calendario ten a súa festa o 25 de agosto, co cal rescataríamos da historia o nome que tiña como "Villa de San Luis de Cesures", título concedido polo rei AlfonsoXII no ano 1881 á parroquia de San Xulián de Requixo.

Pero pasando a tempos mellores, lémbrome sempre desta festa que xa era o preludio da Pascua de Padrón.

Sempre me lembrarei daquelas mulleres vendendo rosquillas que introducían nun garabullo, os tan saborosos churros feitos artesanalmente e que collían cunha rapidez tremenda para introducir nun cartucho de papel de estraza e que cun bote cheo de azucre espolvoreaban por riba. E como non, a tan famosa Tómbola El Maño, que nunca faltaba á súa cita e que vendía as rifas que se mercaban coa ilusión de que nos tocase algo, daba igual o que, o importante era levar o "trofeo" para a nosa casa; ou escoitar a serea que indicaba o arranque e a parada das "cadenas" , ás que nos encantaba subir e xirar e xirar ...

Pois seguiremos xirando, o mundo xira sen parar e pedimos  outro ano para poder vivir as experiencias que non puidemos lograr, aínda que non sexa dando voltas no Carrusel de Evilasio, cos seu cabaliños subindo e baixando, que a Pascua xa está aí, co seu cheiro a garrapiñadas, algodón de azucre, pulpo, churros e churrasco e o seu sonido especial avisando que a festa vai comezar¡¡






Ningún comentario:

Publicar un comentario