Buscar neste blog

14/03/24

 IMOS DE ROMARÍA¡


En San Xulián de Requeixo

é día de romaría,

San Lázaro se celebra,

hai festa e hai alegría¡


Estoupan alto os foguetes¡

resoan as alboradas¡

tocadas polos gaiteiros

para animar a xornada.


Veñen de moitos lugares

os romeiros a San Lois,

que atraídos polo Santo

escoitan a Santa Misa

e rézanlle con fervor:

"Ti que es Santo milagreiro,

intercede aquí por nós

e dános consolo aos tristes

e aos enfermos, curación".


E nunca pode faltar,

nesta antiga romaría,

 unha figura de cera

e de mirto, unha ramiña

que levan na súa man.

Pasarana polo Santo

para que os poida sandar.


E daránlle unha esmola,

e unha estampa collerán,

que levarán no seu peto

para poderlle rezar.


E cando saian da Igrexa

despois de escoitar a Misa,

como manda a tradición

hai que probar as rosquillas

e os churros, que tamén son,

o típico deste día.


É unha data de xuntanzas,

as familias vanse ver.

E os que viven na distancia

a Cesures van volver.


E xa acabou a xornada,

rematou a romaría.

Agardamos que volvades 

para o ano, neste día.


Este domingo, 17 de marzo, celébrase a festividade do San Lázaro.

Non é un día fixo, xa que depende de cando sexa a Semana Santa.

Sempre se festexa  o domingo anterior a Ramos.

É unha das romarías máis antigas de Galicia. A tradición remóntase a Idade Media época na que a enfermidade da lepra facía estragos entre a poboación. Estes enfermos eran illados en lugares afastados , sempre "extramuros", para evitar os contaxios.

Aquí en Pontecesures, antes chamado San Lois, xa que recibe este nome polo rei francés que participou nas Cruzadas e que faleceu afectado pola peste pódese afirmar a súa relación con San Lázaro. Ambos os dous foron víctimas dunhas das peores enfermidades para as que non había remedio. 

Antes de edificarse a nova Igrexa Parroquial, había no seu lugar unha pequena capela baixo a advocación de San Lázaro xa que aquí existía un Lazareto ou tamén chamado Malatería onde vivían os afectados.

Moitos destes lugares eran construidos preto da desembocadura dos ríos xa que os que viaxaban por mar chegaban aos portos, as máis das veces con enfermidades contaxiosas que podían chegar a convertirse nun foco de morte para a poboación.

No lugar da Rúa Nova situábanse unhas casas que daban acubillo a estes enfermos e con motivo de pedir a curación deste mal foi como as xentes comezaron a acudir en oración para poder librarse desa tan temida enfermidade.

Deberíase retomar a celebración do San Lois, que no calendario ten a súa festa o 25 de agosto, co cal rescataríamos da historia o nome que tiña como "Villa de San Luis de Cesures", título concedido polo rei AlfonsoXII no ano 1881 á parroquia de San Xulián de Requixo.

Pero pasando a tempos mellores, lémbrome sempre desta festa que xa era o preludio da Pascua de Padrón.

Sempre me lembrarei daquelas mulleres vendendo rosquillas que introducían nun garabullo, os tan saborosos churros feitos artesanalmente e que collían cunha rapidez tremenda para introducir nun cartucho de papel de estraza e que cun bote cheo de azucre espolvoreaban por riba. E como non, a tan famosa Tómbola El Maño, que nunca faltaba á súa cita e que vendía as rifas que se mercaban coa ilusión de que nos tocase algo, daba igual o que, o importante era levar o "trofeo" para a nosa casa; ou escoitar a serea que indicaba o arranque e a parada das "cadenas" , ás que nos encantaba subir e xirar e xirar ...

Pois seguiremos xirando, o mundo xira sen parar e pedimos  outro ano para poder vivir as experiencias que non puidemos lograr, aínda que non sexa dando voltas no Carrusel de Evilasio, cos seu cabaliños subindo e baixando, que a Pascua xa está aí, co seu cheiro a garrapiñadas, algodón de azucre, pulpo, churros e churrasco e o seu sonido especial avisando que a festa vai comezar¡¡






18/09/23

 


https://www.valga.gal/4093-dous-traballos-sobre-a-organizaci%C3%B3n-da-comarca-de-ordes-e-o-padre-isorna-ga%C3%B1an-o-xxiv-premio-de-investigaci%C3%B3n-xes%C3%BAs-ferro-couselo

-Francisco Sandoval Verea é o vencedor da primeira modalidade coa obra “A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX” 

- Mª Segunda Llerena Orgaz, de Pontecesures, propón na segunda modalidade un estudo sobre a traxectoria vital, literaria e relixiosa de José Isorna 

Coincidindo co 117 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo, que se celebra hoxe, 30 de xullo, dáse a coñecer o fallo da XXIV edición do premio que leva o seu nome. O investigador e arquiveiro Francisco M. Sandoval Verea, natural de Ordes e residente en Allariz (Ourense), é o gañador da primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte  

Roi Mesía foi o lema baixo o que Sandoval Verea concorreu ao certame, co traballo titulado “A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX”, centrado nos concellos que forman parte da bisbarra de Ordes. Nesta investigación, que será publicada polo Concello, abórdase o conxunto de elementos naturais ou propiciados polo home que motivaron a formación desta comarca. Estúdanse, por exemplo, as características do medio físico e a organización que lle deron as comunidades humanas para a súa explotación económica. Tamén se examina a organización eclesiástica e político-administrativa e analízase o papel que xogaron a rede viaria ou as feiras na articulación do territorio comarcal e ata que punto eses e outros aspectos condicionaron o auxe ou declive de determinadas localidades. 

O xurado, cuxa decisión foi unánime, destacou deste traballo a súa boa base documental e o novidoso dalgúns plantexamentos xa que ofrece unha perspectiva bastante actual, centrándose non só no aspecto histórico, senón tamén na organización política e administrativa, nas redes viarias, mercados ou no urbanismo. 

O tribunal estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Reuníronse de xeito telemático o pasado mércores para deliberar sobre os sete traballos presentados ao certame: tres á primeira modalidade e catro na segunda.

Nesta segunda modalidade convócase unha bolsa dotada con 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización.

A gañadora foi María Segunda Llerena Orgaz, de Pontecesures, que propuxo unha investigación centrada na figura do Padre Isorna, franciscano nado en Barcia (Cordeiro) e falecido en 2016. Co seu traballo pretende afondar no coñecemento deste persoeiro senlleiro dentro do seo da igrexa, nomeado fillo Predilecto de Valga e un dos maiores valedores do idioma galego na liturxia.

O proxecto de investigación afondará nas súas etapas vitais e orixes familiares, a súa vida relixiosa na orde franciscana, a formación teolóxica e pastoral, a súa actividade coma mestre, os diferentes destinos dentro da súa vida relixiosa, a súas viaxes fóra de España, a obra escrita, artigos de prensa, a súa valía coma orador e a relación que mantivo cos grandes intelectuais galegos, ademais da súa presenza na TVG coas misas dominicais en directo e en lingua galega.

  

Valga, 30 de xullo de 2023.  


Síntome moi satisfeita por teren escollido este proxecto de investigación sobre a figura do Padre José Manuel Isorna Ferreirós, un Ilustre valgués. 

Vou poñer todo o meu interés e esforzo en levalo a cabo e procurar que o traballo que leva consigo  esta investigación dé uns bos resultados e agradecer todas as colaboracións prestadas para que o poida conseguir.

Grazas de novo.

Marisel Llerena Orgaz


 

POR FIN CHEGOU!

Aí vén o tren, 
coma un cabalo de ferro, 
galopando cruza pontes,
cruza vales e atravesa montes. 

Botando fume vai pola vía.

Aquel primero tren ía dicindo: 
Alá vou.....!! 
E o seu vapor saía e saía soando: 
Vinde todos a mirar, 
vou pasar, estou chegando! 

Mirade que velaí vén, 
dende Cornes a Carril. 

Fungando a locomotora, 
ruxe, ruxe, co seu chacachaaá...!! 
Cruza a ponte sobre o Sar,
pasa o túnel da Fervenza,
vai camiño a Casal.

Segue a Osebe, 
avisando vai: 
Víndeme contemplar, 
son unha máquina fenomenal!! 

Polo Faramello fura o monte. 
Na Escravitude está xa, 
pedindo á Nosa Señora 
que lle axude a viaxar. 

E no medio do traxecto, 
a Obra de Misericordia: 
dar de beber ao sedento. 

Axiña chega a Padrón, 
ve a Casa de Rosalía 
e, cun saúdo de chifro, 
continúa o seu camiño.

Fungando a locomotora, 
ruxe, ruxe co seu chacachaaá...!! 
Cruza a ponte sobre o Ulla 
e, diante da Factoría, 
por Cesures foi pasar. 

E seguindo por Catoira 
están as Torres de Oeste.
Seguirá pegado ao mar, 
o mar da Ría de Arousa, 
onde se quere mirar 
a Cortegada fermosa.

E en Carril rematou 
a viaxe deste tren, 
do tren que saiu de Cornes 
e que aquí chegou con ben. 

E pasar, pasaron anos, 
van alá cento cincuenta. 

E viajando no tempo 
chegamos a día de hoxe.
Deixounos no "Testamento"
que, por esta antiga liña,
continúe o tren correndo.


O día 15 de setembro de 1873 levábase a cabo a viaxe inaugural da primeira liña de ferrocarril de Galicia, entre Cornes(Conxo) e Carril. que daquela eran concellos e que se anexionaron , o primeiro a Santiago de Compostela e o segundo a Vilagarcía de Arousa. 

Con este pequeno poema quero recordar esta efeméride  na data do seu 150 aniversario.

Marisel Llerena Orgaz

03/12/21

 EU QUERO IR A NAVEGHAR!!


Cando eu nacín ti ías cumprir sete anos. A partir de aí, dende a miña nenez teño lembranzas que non se borraron , que teño contigo, meu querido Pacho.

Sintíase un privilexiado por ser o único dos catro irmáns que nacera na casa familiar na que viveu ata o seu casamento.

A última imaxe que permanecerá entre todos nós é a do retrato realizado polo fotógrafo da familia, o seu neto maior, Ismael.

Nela podemos recordalo tal como era, neses momentos irrepetibles de cando se puña a ler as súas "novelas de vaqueros".

Tiña atesouradas unha gran cantidade delas que ao longo dos anos foi acumulando; unhas mercadas e outras regaladas. Desfrutaba lendo as peripecias dos vaqueiros do Oeste.

A súa viseira, as gafas de ler e a súa inseparable chaqueta de la gris tecida polas miñas mans, formaban parte da súa imaxe máis recente.

Pero, xunto ás "novelas de vaqueros", as súas partidas de cartas e os solitarios enchían o seu devir diario.

Foi un rapaz afable, amigo dos seus amigos pero algunha das súas trasnadas, que eran moitas, facían incomodar aos nosos pais. Pero o que realmente lle gustaba era ir ao mar e repetía moitas veces: "eu quero ir a naveghar"

Quizás o gran río Ulla tivese a culpa e fose inspirador dese desexo ao contemplar ao baleiros ir pescar polo río e sentiríase partícipe desas tripulacións e imaxinaría esas aventuras que escoitaba da boca dos mariñeiros.

Casou coa moza que sería a nai desa gran familia que formaron ambos os dous e á que cariñosamente chamaba "a señora Lola"

E os anos foron pasando e a vida deu moitas voltas e, esa gran familia foi medrando coma unha árbore con moitas pólas das que penduran eses fermosos froitos, que hai que coidar, o mesmo que o tronco, para que permaneza con saúde durante moitos anos.

A súa casa sempre estaba chea, coa mesa completa pero sempre había lugar para alguén máis.

Adicouse a varios oficios pero aquel rapaz que quería ir a naveghar cumpreu o seu sono de ir ao mar, ese desexo contido durante tantos anos. Por fin sería mariñeiro de moitos mares. E coma se do vello Simbad se tratara, gustaba de contar historias, unhas reais e outras non tanto, das súas travesías marítimas e que facían manter a atención a todos cantos as escoitaban.

Teño infinidade de anécdotas que me bailan pola cabeza, pero a de "comer conexo ao escaparate" foi unha que nunca olvidarei....moita gracia nos fixo.

Tiña un gran sentido do humor pois chegaba a contar historias fantasiosas, case imposibles, facéndoas cribles e acabábamos rindo xa que ao final descubríase "o conto".

Se a vida de calquera persoa se puidera contar con cancións el tamén tería as súas, pero unha que lembro especialmente é a canción portuguesa que moitas veces lles cantaba aos meus fillos  e que di así:

"Eu fun em Portugal

a cavalo dun mosquito

E disse-me o portugués:

que cavalo mais bonito"

Gustaba de facer debuxos do Capitán Galvao e do Trasatlántico Santa María, famoso por aqueles tempos.

Tamén arriscou a súa vida salvando á  doutros de morrer afogados; un rapaz no río Ulla e logo tamén a uns náufragos en altamar. Era moi decidido.

Teño que recordar a frase: "hai que matar ao home dos calendarios". Pronunciábaa sempre que alguén da familia ou amigos cumprían anos.

Era a súa frase "copyright"  que recordaremos sempre.

Pero nos últimos tempos, e por un cúmulo de circunstancias a vida non se fixo tan fácil, eu dicíalle: "mellor non matemos ao home dos calendarios para poder seguir cumprindo anos".

Non me debeu facer caso e, ese neno que soñaba con ser mariñeiro, fixo a súa última travesía sen viaxe de volta.

"Navega  mariñeiro, faena tranquilo por ese mar de prata, na túa barca arrastrada polas sereas que chamaron por ti"


En lembranza de Bernardino Llerena Orgaz

Un ano sen ti.


A túa irmán Marisel





20/11/21

A CONTA ATRÁS

 Coma se dun recluso se tratara, contaba os días que faltaban para poder saír do seu confinamento.

Nun calendario que colgaba da parede da súa cociña, ía marcando cunha cruz as datas que ían transcorrendo desde que as autoridades aplicaran as medidas de protección derivadas da situación epidemiolóxica.

O seu caracter inquedo non lle permitía concentrarse e, cando chegaba a hora de ir durmir, mil cousas lle pasaban polo seu maxín.

Cando remataba o día e se poñía a chover suavemente pero dunha maneira monótona, as gotas da chuvia do tellado caían sobre un vello caldeiro de cinc e  dábanlle a entender unha melodía encadeada que non lle permitía conciliar o sono.

O día a día ía transcorrendo entre lecturas de libros xa lidos, os pasatempos, a televisión, o paseo co seu can  e pouco máis.

Vivía nunha casa rodeada dun pequeño xardín , o que lle permitía saír pasear e contemplar a vida cotiá do seu contorno próximo.

Distraíase vendo pasar os coches pola rúa e chamáballe moito a atención a cantidade de mercadurías que chegaban ás casas dos veciños traídas por servicios de transporte en pequeñas furgonetas. Probablemente serían compras realizadas "online" debido á imposibilidade de acudir fóra da súa residencia habitual a aprovisionarse de cousas necesarias para a vida diaria.

Tamén lle sorprendía a cantidade de lixo que cada día se amoreaba non contedores,  tanto plástico, tanto cartón!...

Unha volta atrás na redución  de plásticos... máis reciclaxe...máis custos....

Non tiña afeccións, case non se relacionaba cos seus veciños e saía da súa casa para ir mercar o necesario para facer máis soportable esta situación de encerro.

E cada día que pasaba contaba de maneira positiva no seu ánimo, sempre pensando que podía ter sido peor.

Así se animaba con estes pensamentos, esperanzado en que ía saír con ben desta etapa que lle tocara vivir e que fora algo tan imprevisible e nunca imaxinada.

Logo de pasar varias semanas baixo unha circunstancia case surrealista, a lus dun amencer solleiro que penetraba a través das contras da ventá do dormitorio, presaxiaba un cambio de vida para mellor.

"Xa vai quedando outro día menos para saír deste pesadelo"-pensaba para si mesmo.

 


Pequeno relato.

Autora: Marisel Llerena

19/05/21



LETRAS GALEGAS 2010


"OS EIDOS" DE UXÍO NOVOREYRA


                                      COUREL DOS TESOS CUMES

 

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!

Eiquí síntese ben o pouco que é un home…



                        HEIN d’ir o Pía Páxaro i a Boca do Faro

                        deitarme na Campa da Lucenza nun claro.

                        Hein d’ir á Devesa da Rogueira i a Donís

                        ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís.

                        Hein d’ir a Lousada i a Pacios do Señor

                        a Santalla a Veiga de Forcas i a Fonlor.

                       Hein d’ir ó Cebreiro pasar por Liñares

                       rubir ó Iribio a Cervantes i a Ancares

                       Hein d’ir a Cido i a Castro de Brío

                       baixar i andar pola aurela do río.

                       Hein d’ir a Céramo cruzal’o Faro i entón

                      debrocar pra baixo cara Oéncia e León.

                       Hein d’ir a Vales i a Pena da Airexa

                     i a un eido solo onde ninguén me ve.


Un paseo polo Courel podemos realizar lendo este poema do autor e acompañado de fotografías dos lugares aos que alude . Lugares aos merece a pena ir ver.
Mural elaborado polo alumnado de 5º curso de Ed. Primaria do C.P.I Progreso.
                                                                   Curso 2009-2010

                 


               





17/05/21

    

O FINAL DA LONGA NOITE


Cando a escuridade

invada o día a día

teremos que ir buscar

 sempre algunha saída.

Teremos claridade

cando acabe a penumbra.

Ese raio de lus,

ese raio de lus

que nos sirva de guía.


Cando chegue por fin

teremos alegría,

que vivir ás escuras 

non é cousa debida.

Iremos cara adiante

superando as tristezas.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus 

que chega á nosa vida.


Logo da longa noite

chegará a lus do día,

poderemos saír

desta profunda sima.

Hai que retificar

 moitos dos nosos erros.

Ese raio de lus,

ese raio de lus

nos quite esta agonía.


Poderemos voltar

a xuntarnos de novo,

xa nos queda moi pouco

pero iremos amodo.

Chegaremos así

ao final desta noite.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus

que brille sobre todo.


E o barco chegará

de novo a un bo porto, 

cargado de saúde,

sen nada perigoso.

É hora de desfrutar

destes bos novos tempos.

Ese raio de lus, 

ese raio de lus

locerá maxestuoso.


Poemas en tempos de pandemia.

Marisel Llerena