Moi interesante este traballo sobre os oficios tradicionais, que era a temática da biblioteca para ese curso académico.
Algúns deles xa en desuso ,coma o dos arrieiros, animoume a facer un pequeño resumo do que foi este oficio en tempos pasados.
Aínda que daría para contar infinidad de detalles,centrareime en dar a coñecer o fundamental.
A orixe da palabra arrieiro provén da palabra arrear, é dicir, estimular ás bestas para que boten a andar, que sigan camiñando e apuren o paso..
O arrieiro é a persoa que ten por oficio transportar marcancías con animais de carga.
Oa arrieiros eran os transportistas da Idade Media, Moderna e Contemporánea, ata que desapareceron pola aparición de novos medios de transporte e novos camiños para comunicarse. Os arrieiros transportaban desde carbón, sal, cal, xamóns,viño ou peixe salgado....
Moitas veces o traballo de arrieiro era complementario ao de labrador ou gandeiro xa que ás veces estes últimos eran non proporcionaban suficiente para a súa economía familiar.
Se botamos unha ollada ao Catastro da Ensenada de 1752, poderemos constatar o número de arrieiros por zonas, unha información moi valiosa para entender a demanda deste transporte xa desde tempos pasados.
Coma animais de carga posuían cabalos ou mulas. Aínda que as mulas eran as súas preferidas por ter máis resistencia e capacidae de carga. Eran moi cotizadas. Cada mula podía levar sete olas de viño e cada ola levaba 16 litros, no caso dos que proviñan da zona do Ribeiro.
Según o seu poder económico, os arrieiros podían ter mulas ou cabalos.
Unha recua era unha fila de animais de carga atados uns detrás dos outros e podía ter ata dez ou doce bestas e algún chegaba a ter ata vinte animias.
Este é un oficio moi duro, tiñan que soportar as inclemencias do tempo( chuvia, neve, vento, néboa..)
Tiñan poucos medios para protexerse e usaban unha coroza de palla. Con neve tiñan que ir diante do carromato pisando a neve para facer camiño aos animais.
Ao longo das rutas de arrieiros había mesóns onde parar a descansar e comer, tanto eles coma os animais. Pero tamén había construcións a o longo do camiño, que lle servían para descansar e pasar a noite ao abrigo e almacenar mercadorías. Na zona de Forcarei aínda perduran algunhas delas.
Os itinerarios que seguían de cara o Ribeiro eran moi variados e dependían do lugar de onde partían.
Na actualidade estanse a recuperar as rutas que facían os arrieiros coma unha maneira de protexer e por en valor todo aquello que tiña relación con este sector económico.
Fanse rutas a cabalo percorrendo aqueles camiños polos que transitaban para levar as mercadorías que transportaban e que tan necesarias eran naqueles tempos nos que as comunicación eran tan precarias.
Facíanse intercambios de productos entre o interior e a zona costeira.
Contan que chegaban ao porto de Marín a buscar polbo para a feira do Carballiño. Botaban a noite polo Paraño e madrugaban para chegar a tempo con el.
Tamén , o peixe era moi prezado e para conservalo esperaban a que yo preparasen e salasen para poder levalo as zonas onde non chegaba.
A tradición oral e escrita conta que o pulpo chegaba a esas zonas do Ribeiro por que o porto e Marín pertencía ao Priorato de Oseira (suponse que a partires de mediados do S XVII ata mediados do S XIX) e polo tanto pagaban un tributo en especie, sobre todo peixe e o polbo seco para poder conservalo por máis tempo e que, debido á súa abundancia, recibían unha peza por cada catorce desmbarcadas, acabaron por comercializalo entre a xente desa zona, convertindo este producto en algo habitual na súa alimentación por tratarse dunha especie pouco valorada.
Foi en Arcos, parroquia do Carballiño, onde esta tradición está máis arraigada, e onde unha gran maioría das súas xentes adícanse a preparalo nas feiras e festas da nosa terra.
Por toda Galicia descorrían rutas de arrieiros, aínda que os que máis fama tiñan eran os procedentes do Ribeiro.
No Ribeiro había a figura do chamado "corredor", que acompañaba ao arrieiro ás adegas para tratar de intermediario na compra de viño. Cando o adeguiro e o comprador non se puñan de acordo, o corredor partía pola metade a diferenza de prezo e nese momento dábanse unha aperta de man en siñal do trato feito.
O oficio de arrieiro transmitíase de pais a fillos desde tempo inmemorial. Algúns corredores convertíronse en almacenistas de viño.
Moitos arrieiros pasaron a ser transportistas de mercadorías con camións e autocares de viaxeiros para as feiras, festas e mercados. Estes autocares eran convertibles, quitaban os asentos e quedaba libre para as mercadorías. Naqueles tempos, eran personas emprendedoras que souberon adaptarse ás novas circunstancias.
Como pode verse no mural, están algunhas desas palabras relativas ao vocabulario deste oficio:
Carromato.- O carromato estaba formado por unha plataforma
de madeira, con dúas rodas radiadas e dúas varas na parte dianteira, entre as
que situaban a cabalería máis poderosa e resistente.
Plataforma.-Superficie plana e horizontal, elevada sobre o
chan. Debaixo dela tiñan a panza , ou piso suplementario, para facer máis baixo
o centro de gravidade, onde ás veces cargaban pedras, sacos de area ou
pelellos de viño.
Coroza.-Capa con carapucho confeccionada con palla de
centeo ou con xuncos, utilizada para protexerse da chuvia.
Vergallo.-Vara delgada e flexible que se empregaba para
dirixir as bestas, cabalos ou mulas.
Cincha.-Correa de coiro duns oito ou dez centímetros
de ancho, que rodeaba o lombo e a barriga do animal , para que unida ás varas
ou cadeas tirara do carro e con que se suxeitan e apertan os arreos das
cabalarías.
Colarón.-Peza de coiro ou de metal que se pon arredor do
pescozo polo que se terma o cabalo ou a mula e se engancha ás cadeas ou cordas
que, a cada lado do animal, tiraban polo carromato.
Cabezal.-Corda ou correa trenzada de tiras de coiro coa que
se prenden as bestas ou cabalarías pola cabeza.
Bocoi.-Recipiente de madeira destinado a conter líquidos,
especialmente viño, máis grande co barril e ca pipa, cunha capacidade media
entre trescentos e setecentos litros.
Pelello.-Recipiente feito con pel de cabra cosida que se
empregaba para conter e transportar viño.
Galga.-Freo do carro aplicado ás rodas.
Tentemozo.-Pau vertical no que se apoiaban as varas do carro
para descansaren os animais.
Banco ou pescante,-Asento de madeira longo e estreito, onde
ía sentado o arrieiro que conducía as mulas e o seu acompañante.
Debaixo do asento , erguendo a tapa,aparecían dous
compartimentos. Nun levaban as ferramentas de ferrar as bestas e noutro
metían algo de comida para o camiño e a bota de viño.
Roda.-Peza circular que xira ao redor dun eixe e que pode
ser de diversos materiais e ter usos moi diversos.
Capota.-Cuberta móbil dun vehículo, que pode
estenderse ou recollerse. Servía para protexerse da choiva ou do sol. era unha
lona colocada sobre unha armazón de varas que colgaba tapando a parte traseira
e polos laterais.
Mesón.-Establecemento no que se serve comida e bebida. Eran
paradas de arrieiros.
A Gastronomía relacionada cos arrieiros
Debido á presa coa que ían e os perigos do camiño, a comida
era parca e sinxela.
Invención deles foi "A carne richada",
"A carne ao caldeiro" e "As sopas de cabalo cansado".
"A carne richada" ten a súa orixe nos arrieiros
que paraban nos mesóns do camiño e lle suministraban a carne á cociñeira para que
lla pasara pola tixola de maneira rápida, sen case tempo de facerse polo que a
maioría das veces estaba dura e dicíase que "aínda richaba".
"A carne ao caldeiro" era carne que levaban e
cocían con unto e sal os arrieiros nas súas paradas de noite. Unha vez que
ían comela botábanlle pemento picante e aceite en crú. Acompañábase de cachelos
e o caldo de cocer a carne agradecíase moito para quitar o frío do inverno.
"As sopas de cabalo canso" chámanse así por
que llas daban aos cabalos ou mulas cando non eran capaces de seguir tirando do
carromato. Facíanse cunhas codias de pan, molladas en viño con azucre.
Refráns relativos ao oficio de arrieiro
- Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de
cana, perde máis que gana.
-De arrieiro a arrieiro non pasa diñeiro
-Arrieiro rabudo, malla na besta e malla no burro.
-Vale máis arrieiro dunha besta que criado dunha recua.
-Arrieiros somos e no camiño da feira nos atoparemos.
-Pois somos recueiros e no camiño nos atoparemos.
-Xogan os machos e págannas os arrieiros.
-Os tres arrieiros que levan o viño do val son Miguelete,
Crucete e Marquete.
(San Miguel, Santa Cruz e San Marcos, as épocas das xeadas
máis perigosas)
-Arrieiros de loubán cunha besta catro van: dous arrean, un
contén e outro mira se vai ben.
Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.
O arrieiro de Murada
vai polo Paraño arriba,
mociñas de Vilapouca
téndelle a carne cocida.
¡Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.
"O folclore musical, a máis xenuína
manifestación da realidade sociolingüística e cultural, proporciona
elementos de xuízo moi fidedignos e valiosos,pola súa carga testemuñal e expresiva, para profundar
no coñecemento das particularidades temperamentais dun pobo, dos
trazos anímicos do seu celme colectivo, dos seus costumes e a súa enxebreza, da actitude
perante a vida e a morte, do seu modo de ser e sentir.
Creacións e recreacións anónimas cedidas xenerosamente ao patrimonio cultural común,os cantares son
testemuños dun tempo e modo de vida pretéritos,
cando os camiños eran ríos de xente que levaban
ledicia a campos e aldeas en que a precariedade se
adozaba co mel da expectativa feita realidade no
paseo, na ruada, na foliada, no fiadeiro, na esfolla, na
espadela, na romaría, ...
O cantar do arrieiro ten o ritmo
pausado dos machos cargados que fan longas
camiñadas, pra facer o camiño
máis levadeiro.
As cantigas
fanse expresión de amor á terra, salientan a actividade do campo e manteñen viva a memoria de oficios tradicionais (costureiras, xastres, carpinteiros,
tecedeiras, cesteiros, seitureiros, muiñeiros, canteiros, arrieiros, ...)".
"Xoaquín Lorenzo Fernández e o Cantigueiro popular". Delfín Caseiro Nogueiras
A literatura popular tamén ten coma protagonista ao arrieiro
CARBALLO DO VIÑO (O Pelete. San Sebastián de Covelo-A Lama).
Conta a lenda que unha das mulas dun arrieiro, que ían cargadas de viño, deulle
unha couce ao fillo e deixouno medio morto. Desesperado, o seu pai pediu a
intercesión da Virxe dos Remedios para que o curara. O arrieiro agradeceulle á
Virxe a curación donando o viño que se consumira na festa. Na festa dos
Remedios séguese a tradición de regar o carballo con viño. Segundo os veciños por
iso este carballo se mantén tan saúdable despois de tantos anos.
Non quere dicir que só houbese arrieiros na zona do Ribeiro, e quedaría moito que contar sobre elo.
A diferenza dos arrieiros tamén había os chamados "carreteiros", que con bois tirando do carro percorrían moitos camiños levando mercancías de todo tipo. Na zona de Dodro, tiñan moita sona os bois que se criaban alí nas brañas de Laíño, á beira do Ulla. Eran moi prezados pola súa carne e coma animais de tiro.
E ata aquí un pequeno resumo do que era un oficio xa desaparecido e pouco coñecido.
Bibliografía:
A ESTRADA. Miscelánea histórica e cultural. Núm. II
Os derradeiros arrieiros de Tabeirós- Terra de Montes
Cadernos de Fraseoloxía galega. nº3. Centro Ramón Piñeiro
Cadernos de Fraseoloxía galega. nº 2. Rfraneiro Galego.
Xesús Taboada Chivite. Centro Ramón Piñeiro
"Refráns da xustiza".Xesús Ferro Ruibal
Dicionario da RAG
29/11/20
DOUTRA MANEIRA
Eu nunca imaxinei
que isto ía pasar.
Xamais se poderá
recuperar todo o perdido.
Debemos continuar
e correxir tantos errores.
A vida é así,
doutra maneira.
Uns xa se foron,
outros xa irán,
non volveremos
a velos xa.
Pero teremos que pensar
que a vida é algo pasaxeiro.
Hai que aprender a vivir así,
doutra maneira.
Tempos virán
que nos dirán
que hai que facer
para acabar
con este virus tan mortal.
Con sentidiño hai que vivir;
para vivir, hai que loitar,
doutra maneira.
Verase o bo,
tamén o mal
que hai en nós
e nos demais.
Quedamos moitos neste barco
e temos que chegar a salvo
e con saúde ,ata o final,
doutra maneira.
Autora: Marisel Llerena Orgaz
Poemario propio
19/11/20
Toleo por ela
Galicia, xardín e cuna
de Curros e Rosalía,
Dios me axude e a fortuna
pra ir a ela algún día.
Xa sinto que pouco a pouco
vaise a miña mocedá
co fuxir da vida e logo
sin cartos para embarcar.
Cando d´esto me recordo
danme ganas de chorar.
A razón: Porque vou vello
e váiseme o folgo xa
para ir ver as rapaciñas
que mulleres xa serán,
alegres pol-as campiñas
oir o merlo silbar;
a armonía do xilgueiro,
o reiseñor no luar,
os rapaces no quinteiro
cas rapazas a enredar;
estalar no aire os fogos
o día de San Xulián,
nas procesións os gaiteiros,
as campanas a tocar,
xunto a ribeira as pescas,
berreando a todo berrear:
Mulleres, sardiñas frescas,
que son boas; vinde acá.
¡E pensar que todo esto
non chegarei a escoitar!
¿Será o causante o trasno?
¡Por la señal...! ¡Por la señal...!
¡Meiga fora! San Silvestre,
Santa Xusta e San Cafundo,
o demo do bicho ese
arredádemo do mundo.
---------------
Tamén ver o vello e a vella
despois da misa cantada
bailar no adro a muiñeira
e outros a puntiada;
burros e burras de Caldas
cargados de pan pra Padrón,
as hoveiras nas congostras
pementos vender d´Herbón;
pescar no muelle un amigo,
cazar as lebres no monte,
as mozas lavar no río,
os homes beber na fonte;
os abós cos seus netiños
levadiños poi-as maus,
as noras mirand´os fillos
que contentiños que van.
¿E pensar que todo esto
non chegarei a mirar!
Xuro a Dios:¿lévame o demo
si non toleo a pensar!
--------------
Galicia, querida terra,
non sei que día será
que felis arribe a ela
e non volva máis acá.
Virxen santa do Carmelo,
ti o podes remediar
dando salú e diñeiro
a este que rabia xa
por verte na iglesia nova
no teu bonitiño altar
e postrarme de rodillas,
darche gracias e rezar.
Poema de José Llerena Braña do seu libro "Recordos da aldea"
Publicado na Habana en 1920
18/11/20
RECUPERANDO O NOSO PATRIMONIO
Enorgulléceme moito que se recupere parte da nosa historia familiar e da do noso concello,Pontecesures.
E digo isto polo significado que esta bandeira representa.
A continuación vén esta boa nova que ten moita relación co que dixen con anterioridade.
"Esta semana recibimos a visita dunha técnico do
Museo de Pontevedra para valorar a restauración da bandeira da Liga de amigos
do Carme e a Acta da entrega de dita bandeira.
Ambos símbolos teñen unha importante relevancia
para o pobo de Pontecesures, e unha vez solicitada á Deputación asistencia
técnica para a sua restauración, o Servizo de Atención Intermunicipal (SAIM)
confirmou a disposición de persoal especializado do Museo para levar a cabo a
restauración de ambos emblemas cesureños.
A bandeira da Liga de amigos do Carmen foi traída
dende A Habana no ano 1912 polo presidente
da “Sociedad Hijos de Puentecesures” na Habana e o apoderado do
Centro Gallego, José Llerena Braña donada polos cesureños residentes en Cuba.
Na acta de donación aparecen nomes como Bandín, Temperán,
Carrera, Magariños, Mosquera, Abalo e Llerena, os mesmos que máis
tarde fixeran un donativo para a adquisición
do “Gabinete de Física y Química” da Escuela Graduada.
De máis recente aparación foi a Acta fundacional, cedida
hai un par de anos por descendentes da familia Llerena, un
dos asinantes daquel primeiro documento e
que estaba gardada na caixa forte do
Concello á espera de conseguir persoal técnico que puidese devolverlle o
seu aspecto orixinal.
A pretensión do Concello de Pontecesures é, unha vez
restaurados, expoñer ambos emblemas no Salón de Plenos da Casa do Concello para
poder ser contemplados por toda a veciñanza"
"
Sempre será un símbolo do noso pobo e do que debemos lembrarnos para transmitir as xeracións vindeiras o valor de todo aquilo que fixeron moitas das nosas xentes na emigración, que dende terras lonxanas non esquecían á terra que @s veu nacer.
Ogallá se sigan mantendo e conservando os legados dos nosos antepasados para que non queden no esquecemento.
Debemos respectar e conservar aquelas cousas merecedoras de permanecer no tempo a pesares dos moitos contratempos que poidan presentarse.
Grazas a tod@s cant@s amosades interese pola posta en valor e conservación de todos estes bens culturais que engrandecen a un pobo.
(Fotografías do Concello de Pontecesures)
Aquí, neste enlace, podedes coñecer algo máis sobre a historia da bandeira .