03/06/15


SAN MAMEDE DE ABALO


VISTA XERAL

A igrexa de San Mamede de Abalo foi construída entre os séculos XVI e XX. Pertence á diócese de Santiago, xurisdición de Cordeiro, concello de Catoira.
Está adicada a San Mamede.
No século XVI existían dúas igrexas feitas as dúas dentro do adro e do mesmo tamaño, unha era a parroquial de San Mamede e a outra, que servía de ermida, chamábanlle de San Sebastián.
FACHADA PRINCIPAL
En 1608 a renta desta igrexa era de oito ferrados de pan mediado. Dos froitos fanse dúas partes: unha e un pouco máis levao o cura desta parroquial e a ermida (sen cura) o resto que é para a Capela de San Paio de Santiago, que se considera anexa a esta de San Mamede.
Era esta unha fregresía moi modesta.
A mediados do século XVII, en febreiro de 1661, o cura Pedro Montera e os fregueses chegaron a un acordo para ampliar o edificio.
Será este templo de nave única, cuberta cunha armazón de madeira. Co tempo adosaranse dúas capelas laterais, dándo un aspecto de planta de cruz latina.
En 1730, cando se reedificou a igrexa, apareceron, baixo o altar da antiga capela maior, un pequeno resto humano consistente nun óso depositado dentro dunha caixiña de prata e supúxose que podería ser unha reliquia do santo, polo que foi posto de novo no seu lugar.
Os restos artísticos das dúas igrexas anteriores consérvanse na parroquial: son dous fragmentos dun baldaquino pétreo da igrexa, un dos cales permanece fincado no muro da Epístola e o outro servindo de lintel na porta lateral do lado do Evanxeo.
A primeira peza é un relevo rectangular que mostra a Anunciación do Anxo a María. A labra é rudimentaria e de duro granito. O segundo fragmento, posto sobre a porta lateral é un dos frontes do baldaquino. Na parte inferior aparecen representados San Francisco de Asis e a figura dun bispo que ven a representar a San Brais.
O baldaquino era un templete composto por unha cuberta piramidal de catro caras.
A fachada é sinxela, ten porta barroca sobre a que está a fornela co santo titular da parroquia e remátase cun campanario do que colgan dúas campás.
HIZOSE AÑO MDCCXXIX SIENDO
RECTOR DON GONÇALO DE PROL Y GIANZE
Esta inscrición indica o ano no que se fixo a igrexa, que data de 1729, baixo  a cal ábrese a porta principal.
 Á dereita da entrada puxéronse dous reloxos de sol,o da esquerda é máis antigo co da dereita.
RELOXOS DE SOL
PARTE SUPERIOR DA PORTA PRINCIPAL
San Mamede
    Naceu en Cesarea de Capadocia (Turquía) no século III. Era fillo dos mártires Teodoto e Rufina.

 Segundo a lenda, fuxindo da persecución do emperador Aureliano, refúxiase nun bosque onde predica o evanxeo ás feras.

   Un anxo apréndelle a facer queixos co leite das feras femias e que, logo san  Mamede, leva aos cristiáns que están presos e aos pobres.

     Foi encarcelado e torturado por ser cristián.

    Converte ao cristianismo aos soldados que o foron prender. É acusado de bruxería e lévano ao anfiteatro para que sea devorado polos leóns, pero estes quedan amansados e non lle fan mal ningún.

        Máis tarde foi executado clavándolle un tridente no seu ventre.
San Mamede é patrono de 99 parroquias galegas. Tamén hai moitas en España baixo a súa advocación.
A tradición galega faino patrón dos panadeiros e protector da lactancia, das enfermidades do aparato dixestivo, dos herniados e da colite,dos pastores e rabaños e, nalgúns lugares está relacionada a súa advocación, co pronóstico de chuvias.

O culto a San Mamede pode ter relación con algún culto pagán no mesmo lugar , posiblemente ao Deus Mercurio, protector dos camiñantes, polo que posiblemente se cristianizase o lugar.

Ditos de San Mamede:

"San Mamede te levede, san Vicente te acrecente"(é unha invocación cando se prepara  a masa para o forno)
A súa festa en Abalo celébrase a primeiros de agosto; noutros lugares é o día   7  aínda que a súa festividade, no calendario romano, sexa o 17 de agosto.
Nesta parroquia, a vestimenta de San Mamede é un traxe/manto negro cun pequeno gorro, tamén negro.


Feito por: Sabela Rodríguez Atanes


Ningún comentario:

Publicar un comentario