18/11/20

 RECUPERANDO O NOSO PATRIMONIO



Enorgulléceme moito que se recupere parte da nosa historia familiar e da do noso concello,Pontecesures.

E digo isto polo significado que esta bandeira representa. 

A continuación vén  esta boa nova que ten moita relación co que dixen con anterioridade.


"Esta semana recibimos a visita  dunha técnico do Museo de Pontevedra para valorar a restauración da bandeira da Liga de amigos do Carme e a Acta da entrega de dita bandeira.

 Ambos símbolos teñen unha importante relevancia para o pobo de Pontecesures, e unha vez solicitada á Deputación asistencia técnica para a sua restauración, o Servizo de Atención Intermunicipal (SAIM) confirmou a disposición de persoal especializado do Museo para levar a cabo a restauración de ambos emblemas cesureños. 

A bandeira da Liga de amigos do Carmen foi traída dende  A Habana no  ano  1912 polo   presidente da   “Sociedad Hijos de Puentecesures” na Habana e o apoderado do Centro Gallego, José Llerena Braña donada polos cesureños residentes en Cuba.

Na acta de donación aparecen nomes como Bandín, Temperán, Carrera, Magariños, Mosquera, Abalo e Llerena, os mesmos  que máis  tarde   fixeran  un donativo para  a adquisición  do  “Gabinete de Física  y Química” da  Escuela Graduada.

De máis recente aparación foi a Acta fundacional, cedida hai un par de anos por descendentes da  familia  Llerena, un  dos  asinantes  daquel  primeiro  documento  e que  estaba gardada  na  caixa  forte  do  Concello á  espera de conseguir persoal técnico que puidese devolverlle o seu aspecto orixinal.

A pretensión do Concello de Pontecesures é, unha vez restaurados, expoñer ambos emblemas no Salón de Plenos da Casa do Concello para poder ser contemplados por toda a veciñanza"

 

 "


Sempre será un símbolo do noso pobo e do que debemos lembrarnos para transmitir as xeracións vindeiras o valor de todo aquilo que fixeron moitas das nosas xentes na emigración, que dende terras lonxanas non esquecían á terra que @s veu nacer.

Ogallá se sigan mantendo e conservando os legados dos nosos antepasados para que non queden no esquecemento.

Debemos respectar e conservar aquelas cousas merecedoras de permanecer no tempo a pesares dos moitos contratempos que  poidan presentarse.

Grazas a tod@s cant@s amosades interese pola posta en valor e conservación de todos estes bens culturais que engrandecen a un pobo.

(Fotografías do Concello de Pontecesures)


Aquí, neste enlace, podedes coñecer algo máis sobre a historia da bandeira .

http://www.blogoteca.com/memoriapontecesures/index.php?cod=111279


Ningún comentario:

Publicar un comentario