24/02/15

O can de Ulises e as Brañas de Laíño

Interesante artigo que vos recomendo que leades.

19 de febrero de 2015
Cando Odiseo regresou a Ítaca, ademais da criada, tan só o fiel Argos foi quen de o recoñecer, o vello can que rematou morto aos seus pés, despois de vinte anos agardándoo. O nome deu moito de si na mitoloxía clásica pero eu quero supor que é de aí de onde o tomou o grupo de arqueoloxía que anda a procurar as orixes desta Terra de Iria entre baixíos e merosas milenarias. Na nosa historia mítica soben barcas de pedra polo río e, xa postos, ata pode que Ilia, a princesa troiana que fundou a cidade, lle pasase a man polo lombo ao can de Ulises. A historia real, a de a diario, é a de xentes, indíxenas ou romanos, que soñaron e morreron coma nós á beira do Ulla, neste recanto afastado do imperio. Para recompoñela, tirando do nobelo, maiormente o que o arqueólogo descubre son pedras e cacharros. Vai levantando pouco a pouco estratos e horizontes, pasando as follas do seu libro de terra, para, se acaso, algunha vez, poder soprar esa neve verdenta que o tempo foi pousando no pomo corroído dunha espada.
Como sabedes, a empresa Argos, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e co concello de Valga, ven de atopar nas brañas desa localidade, abaixo da aldea de Laxes, restos romanos que parecen confirmar a existencia dun espazo portuario durante os primeiros séculos da nosa era: un posible almacén, así como trazas dunha vivenda e fragmentos de diversos tipos de ánforas (Haltern 70, campanienses, Dressel...). As escavacións do ano 2008 fronte á desembocadura do Sar (Cortinallas, Agramar, o leito do río...) na busca das posibles «Turris Augusti» sacaron á luz unha grande cantidade de fragmentos cerámicos desa época confirmando a importancia do territorio iriense coma un enclave privilexiado da Gallaecia no que conflúen os camiños da terra (a dorsal meridiana) e os do mar (o río Ulla). Tanto o profesor Suárez Otero (nun artigo do ano 2004 sobre a xeografía mítica destas terras xacobeas) como o arqueólogo David Fernández, que se encargou da dirección técnica das dúas intervencións que comentamos, e que tamén se vai ocupar esta primavera da escavación da Rocha Branca, retoman agora, aínda que con diferentes matices, a vella idea dunha Iria lacustre, xa defendida por Murguía e por outros autores. Ademais do gran porto de Cesures, do que nos falta aínda a localización exacta, as Torres de Oeste ou o «Mercado dos mouros» de Valga (como se referían a el os máis vedraios) serían así enclaves portuarios que posibilitaban o tráfico comercial pola ría, pequenas illas emerxendo dun entorno anegado e pantanoso. Cando menos desde o século XVI (Baltasar Porreño) xa se lle chama Ría de Padrón (ou de Iria, nalgúns textos) ao tramo do Ulla que vai desde Cesures ata a desembocadura, e para as nosas xentes é ben certo que o río foi sempre nomeado coma «mar». A propia Rosalía para velo, no instante final, mandou abrir as fiestras da Matanza. Supoño que os estudos edafolóxicos e xeomorfolóxicos destes aluvións cuaternarios enriba dos que patuxamos poderían botar luz sobre o asunto. Pero indo ao que nos interesa desta volta, o caso é que fronte á abundancia de xacementos na marxe sur do río, estraña a ausencia case total de achados na ribeira norte. Quizais unha das razóns poida estar na propia topografía do terreo que do noso lado, nas Brañas de Laíño -por iso nolas levou impunemente a Lei de Costas a 15 quilómetros do mar- ascende lentamente, mentres que no sur as curvas de nivel vanse apertando moito antes, o que permite asentamentos máis próximos ao río que queden a salvo das riadas. A outra explicación desa falla de restos ha de estar, por suposto, en non buscalos.
No coñecido poema Inventario de lugares propicios ao amor o escritor Ángel González enumera entre eles as ribeiras dos ríos. Non ha de ser desde logo porque o Ulla non se preste aos encontros amorosos -pois ata se atopou nas súas augas unha lucerna romana cunha escena erótica subida de ton- polo que tentarei facer aquí, brevemente, a maneira de apunte, outro inventario máis prosaico de lugares. O de aqueles que semellan, no tocante aos romanos, máis propicios para que os arqueólogos se acheguen a procurar vestixios desta beira.
Para empezar por algures, coma un xemelgo dese portus descuberto en Valga, do outro lado do río temos nós un na toponimia: Porto, e tamén, Portelo e Portalaxes. Na fotografía aérea apréciase unha área redondeada na que non dan medrado as canaveiras. Pois algo haberá enterrado para que as canas non prendan. Se por un caso veñen ata a braña de Dodro, que caven con coidado, porque aínda aniñan preto de alí as derradeiras escribentas.
Nesta nosa derrota polo Ulla e xa nas veigas de Bexo, para alá da Fonte do Mineral, botamos o risón en Cabodeiras onde se atoparon varios fragmentos de tégulas romanas mesmo á beira do río (V. Caramés, 1991) nunha pequena mouta case circular, que de seguro foi peirán en tempos. A tiro de pedra dese porto de momento imaxinario iniciou o Iria a súa singradura, o galeón polo que lle preguntaban os mariñeiros da Arousa a Anxo Angueira. Ulo barco, Anxo? O barco, coas súas velas, cos seus mastros e cadernas, amais o río coas illas, e coas marés e cos ventos, estaban dentro dun libro.
En terras que son de Dodro e de Rianxo, chegando case á Vacariza, diante da insua de Bexo, vanse sucedendo en altura unha serie de suaves aterrazamentos e de arrós desde a beira do Río Vello conformando unha estrutura lonxitudinal de máis de 100 metros de longo que se eleva 7 ou 8 metros sobre o río. A paraxe denomínase cos nomes de Moreira e O Coquiño, e esporriñando entre as xilbarbeiras e loureiros dos cómaros atópanse restos de vellas tellas. Ao mellor nada é, pero polo si ou polo non, sería ben que se achegase alguén con ollos máis afeitos e máis doutos que os meus a comprobalo. É sabido que na Corónica de Santa María de Iria se identifica a aldea da Vacariza co porto de Juncaria, onde atracan no ano 968 Gunderedo e os seus normandos, antes de matar dunha lanzada ao arcebispo Sisnando no predio de Fornelos. Podería ser este o outro gran embarcadorio romano ou medieval da Ría de Padrón? Podería; as xunqueiras, estar están alí, pero xa se sabe que nestas terras alagadas hai case tantas xunqueiras coma xuncos...
Se a teoría das illas fose certa, e coma Simbad viñesen os romanos polo Ulla, sinalándoas no seu claro latín, co dedo ao lonxe, desde a reviravolta do Redondo, entón habería tamén que revisar antes de nada o Piñeiral da Braña, que a poucos metros do río, permanece seco nas mareas de agosto e subindo polo esteiro, o dos pozos sen fondo, arribaban a el barcas pequenas. Non soamente era navegable o río grande, tamén se podía navegar polos esteiros. Polo das Moas, di Madoz que se internaban embarcacións de ata vinte quintais, duascentas varas braña adentro.
A pé enxoito, xa do lado de riba das campías, a min sempre se me figurou que por aquí pasaba unha vía dos romanos, talvez un ramal da XIX ou a XX, que ía per loca marítima. Non sei senón como habían de atravesar as apetrechadas lexións cara o Barbanza. López Ferreiro imaxinou unha ponte de barcas en Catoira e outros a subida desde Iria cara a Noia para despois seguir polo Confurco. A nós, aos desta beira, case sempre nos deixan en terra de ninguén, coma se lles debésemos algo. E sen embargo, por aquí cruzou Sarmiento, pola ladaíña destas aldeas do pór do sol con paso firme, enveredando cara a mar océana por onde antes e mellor se chega. Para iso se fixeron os camiños, a poder ser, dereitos. A abundancia de topónimos viarios non debe ser casual. Saíndo de Lestrobe (para Pérez Losada, villaeromana ao lado da civitas de Iria, villa Lestober aínda en documentos do século XI?) atopamos Veacova (Vias Covas nun texto medieval), e xa chegando a Dodro, A Cancela Abrea (Cancela da Verea), e A Calzada, O Castro do Monte Seán (ou Sián) en Revixós, onde se recolleron seis fragmentos de cerámica romana (non son moitos, pero confírmannos que por estes pagos andiveron), Vigo (se ningún estudoso situou aquí o Vicus Spacorum, foi porque non se lle deu por aí, á vista das demais alternativas), As Paradiñas e As Paradas (do lado de riba do Rueiro), Os Romanos, na ladeira do monte Valouta (sobran os comentarios sobre este topónimo que aparece aínda noutros dous lugares da parroquia de S. Xián de Laíño), Manselle (se a Mansilla leonesa foi unha pequena mansión viaria, tamén o noso Manselle puido selo), O Portogalo, Castro, Parafita? A calzada continuaría por Imo e Bexo ata a Paradegua, inzada de túmulos megalíticos á beira dos antigos sendeiros. E seguiría despois, xa no concello de Rianxo, polo Araño (estela de Miráns) e Taragoña (lápida de Rufinus), pero acougamos aquí, que xa son horas, ao pé dos Castros de Bexo, inexplorados tamén, coroadas agora as pedras inmemoriais das súas cabanas de toxos arnais e de eucaliptos. Atalaia magnífica desde a que se domina o longo val do Ulla onde empezamos devagar, da man dos Lares Viales, a nosa andaina romana.
Pola Braña de Laíño ou pola banda de Lestrobe, os de Dodro, na beira norte do Ulla, nin sequera agardamos por Ulises -tampouco Rosalía o esperaba- con tal que veña o can, pero que veña, conformámonos.

OPINIÓN-LA VOZ DE GALICIA


Ningún comentario:

Publicar un comentario