26/05/15



IGREXA PARROQUIAL DE

 SAN PEDRO DE DIMO




   Está situada en Dimo - Catoira, e pertence a diócese de Santiago e xurisdición de Cordeiro. Está localizada ao norte do concello.

VISTA FRONTAL
  A igrexa está asentada sobre un castro.

   A súa orixe é medieval , tal como o demostran os canzorros e a decoración de bólas da cornixa

    É un templo cunha soa nave e tellado a dúas augas.O deseño da porta da igrexa plantéxase que é gótico final. Desta época conserva a porta occidental e parte da fachada, animada por unha pequena fornela onde se sitúa a imaxe do santo titular; a ventá xa corresponde a un momento moi posterior. A igrexa reformouse en época barroca que foi cando se colocou o Retablo do Santo Cristo, ,hoxe desaparecido, e o da Virxe das Neves.


PORTA GÓTICA E IMAXE DE SAN PEDRO
RELOXO DE SOL
   Conserva os muros exteriores do corpo da antiga igrexa. Os vestixios artísticos máis vellos que se conservan son de comezos do século XVI. A imaxe de San Pedro é similar á que está no Hospital Real. No lado leste ten un reloxo de sol.


TORRE CAMPANARIO
   A súa torre campanario, remata en cúpula coroada por un pináculo, sitúase no lado esquerdo da fachada, sendo esta   realizada entre finais do S- XVIII e principios do S-XIX . É interesante engadir que a campá foi fundida en Arcos da Condesa no ano 1807.
  
    A última reforma levada a cabo nesta parroquia comezou o 11 de agosto de 1969 e rematou o 11 de novembro dese mesmo ano;reforma consistente en reforzar os muros e subtituir a cuberta.

  Hai que ter en conta que no S-XVII tiña unha renta de oito ferrados de pan mediado e uns pedazos de heredade e viña pequenos que pagan o tercio.De todas estas estas rentas facíanse vintecatro partes : once levábaas o cura, dez o cabildo de Santiago e tres o Colexio Maior desa cidade.

  Esta feligresía tiña dúas ermidas: una a de San Salvador, que era a igrexa vella , e a outra é a de San Cibrán.


San Pedro: 

    Foi un discípulo de Xesús, era pescador. Foi elixido como fundador da Igrexa. As chaves que sempre leva representan a entrada á porta dos ceos, non tiña estudos. O nome de Pedro púxollo Xesús porque el chamábase Simón ou Simeón. Foi martirizado en Roma durante a época de Nerón.
Foi o primeiro Papa da Igrexa Cristiá. San Pedro é patrón dos pescadores.

O 29 de xuño celébrase a festa patronal.



Refráns:

"Por San Xoán e San Pedro, todos os mozos mudan o pelo".

"Ben se está San Pedro en Roma anque non coma".

"A quen Deus lla dé, San Pedro lla bendiga" (significa que cando Deus manda algo, a San Pedro só lle queda darlle a bendición).

"Entre San Xoán e San Pedro, cinco días van no medio".

"Por San Xoán, québralle á primeira raíz ao pan, por San Pedro québralle a do medio".

Feito por: Gabriela Conde Lestido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario