24/11/15

O TREN DE ANTES E O TREN DE AGORA- I PARTE


 O que caracteriza a construción dunha rede ferroviaria en Galicia é a súa tardanza con relación ao resto da rede de España, xa que a primeira liña de ferrocarril española creouse na Illa de Cuba o 19 de novembro de 1837, entre Habana e Güines, cunha lonxitude de 28 quilómetros, coa fin de transportar os produtos agrícolas desa rexión ata a Habana. Logo, na Península Ibérica, o tramo entre Barcelona e Mataró poñerase en marcha o 28 de outubro de 1848 e contribuirá a facilitar o crecemento desa zona do Maresme, zona que estará moi industrializada. A continuación virán as liñas Madrid-Aranxuez, en 1851, e Langreo-Xixón, en 1852.

Nos anos seguintes haberá unha gran expansión do ferrocarril por diferentes lugares de España.

Ese retraso do que se fala ao comezo pode ser debido, entre outras cousas, á dificultade no trazado ou á imposibilidade de financiación e, tamén, o que se lle podería chamar "localismo" dos grupos económicamente dominantes que se opuñan a todo trazado que non pasase por onde a eles lle conviña. Todo isto, xunto coas grandes compañías que buscaban o xeito de que os trazados tiveran menos dificultade e tivesen unha rentabilidade a corto prazo, fixo que os tempos se fosen prolongando.


Pero ao fin chegou o momento esperado. Foi aquel 15 de setembro de 1873 cando se inauguraba o primeiro ferrocarril de Galicia, entre Cornes (Conxo) e Carril.


Coñecido coma o "Ferro-carril Compostelano de la Infanta Isabel", percorre unha distancia de case 42 quilómetros, atravesando o Val da Maía, a comarca do Ullán e bordea a Ría de Arousa; cruza os ríos Sar e Ulla por medio de dúas pontes metálicas, a Ponte de Ferro, en Conxo, e a Ponte da Ínsua, entre Padrón e Cesures; pontes que foron construídas na fundición de H.J. Polter, en Manchester.
Para realizar este proxecto de ferrocarril foi preciso abrir dous túneles, o da Fervenza, en Conxo, e o do Faramello.

Era a finais do S XIX e as primeiras estacións de ferrocarril facíanse de madeira. Entre Cornes e Carril había seis estacións intermedias: Casal, Osebe, A Escravitude, Padrón, Cesures e Catoira.

O día no que se inaugurou, os pobos de Carril e Santiago de Compostela saíron en masa cara as súas estacións.

Este tren inaugural partía de Cornes e alí, na estación, reuníronse autoridades eclesiásticas, civís, militares, xudiciais e os máximos responsables deste ferrocarril que, a iso das once da mañá, asistiron á bendición das catro locomotoras que ían cubrir este servizo e que foran bautizadas cos nomes de Santiago,    Carril, Pontevedra   e   Coruña, mentres soaban os compases das Bandas de Música de Artillería e a da cidade de Santiago, tocando a Marcha Real.


Estación de Cornes
Estación de Carril




Viaducto sobre o río Sar.
Rematado este acto, tivo lugar a colocación dos convidados nos coches dispostos segundo as respectivas categorías daqueles.

Copia do pano de seda da inauguración do ferrocarril
 con motivo da creación do Museo Ferrocarrilero.
Ao mesmo tempo, en Carril, soltábase un globo aerostático do que penduraban uns panos de seda bordados para a ocasión e que, pouco a pouco,  ían caendo sobre os asistentes.
 Este tren estaba composto de dúas locomotoras, dez vagóns, dous garda-freos e dous furgóns, un deles descuberto, onde ía a Banda de Artillería que tocou durante todo o traxecto diferentes pezas e himnos nacionais.

  Partiu o tren ás 12:04 h e chegou a Carril ás 14:20 h da tarde.

Todas as estacións do traxecto estaban vistosamente engalanadas, especialmente as dúas extremas e as pontes sobre o Sar e o Ulla.

Chegados a Carril preparouse un xantar para 150 persoas nunha das cocheiras da estación, onde disfrutaron dun almorzo que foi acompañado por brindes e discursos.O regreso desde Carril tivo lugar ás 16:40 h e a súa chegada a Cornes ás 6:22 h.

O servizo regular comezaría ao día seguinte ao da inauguración con tres frecuencias diarias nas dúas direccións e cos seguintes horarios:

  Cornes - Carril: 8 h - 14:30 h - 22:30 h
  Carril - Cornes: 5:30 h - 11:30 h - 16:25 h

  Os prezos da viaxe, entre estas estacións, oscilaban  segundo o tipo de vagón:

  1ª clase: 20,16 reais
  2ª clase: 15,12 reais
  3ª clase: 9,07 reais

( 1 real é unha antiga moeda equivalente a una cuarta parte dunha peseta)

Grabado representando a estación de Cornes
 A construción deste ferrocarril, que en 1886 levaría o nome de "The West Railway Company Limited", pero máis coñecido por "The West" ("Te-Bes"), tiña coma principal obxectivo facer máis cómodo e barato o transporte de mercadorías entre Santiago de Compostela e Carril e viceversa.
 Moitos pensaban que, ao ter conexión directa entre estas dúas cidades, poñería en perigo o desenvolvemento no tráfico de mercadorías no porto de Cesures, pero foi todo o contrario. Este porto medraría en importancia e, a través do mesmo, seguirían mandándose e recibindo todo tipo de mercadorías. Todo isto, unido á existencia dunha estación de ferrocarril, aumentaría moito máis a súa importancia como porto fluvial.

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario