30/11/15

O TREN DE ANTES E O TREN DE AGORA -II PARTE



Coincidindo coas festas do San Froilán, o 5 de outubro de 1875 inaugúrase o tramo A Coruña-Lugo coa presenza da Raíña Isabel II.
Foi a "Compañía de los Ferrocarriles de Asturias, Galicia y León", e que posteriormente sería absorbida pola "Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España", a encargada das obras, cun trazado de 115 quilómetros de lonxitude.


Viaducto da Chanca
A obra máis destacada deste tramo é o viaduto da Chanca, construído en granito e pizarra e cunha lonxitude de 298 m., baixo a dirección do enxeñeiro Ángel G. del Hoyo e que cruza por enriba do barrio da Chanca e atravesa o río Rato.




Viaducto da liña Redondela - Ourense
En 1877, o rei Alfonso XII, acompañado pola raíña Mª Cristina, inaugura a liña Redondela -Vigo. Pero será o 27 de marzo de 1878 cando a liña chegue a Guillarei e o, 18 de xuño, completarase ata Caldelas de Tui e Salvaterra-As Neves.


Viaducto da liña Pontevedra - Redondela
En 1880 chega a primeira locomotora a Ourense, co que entra en funcionamento o tramo Ourense-Vigo de 131,6 quilómetros bordeando o río Miño ata pouco antes de Guillarei.
 Atravesa trece túneles, o maior dos cales é o chamado de Freita, entre as estacións de Filgueira e Frieira. En Guillarei hai un pequeno ramal que chega a Tui e logo a Portugal , inaugurado en1886. Entre Vigo e Guillarei hai 34 quilómetros e cara Redondela temos o túnel dos Valos, o maior desta liña e, tras pasar o túnel coñecido como da Portela, a liña bordea a Ría de Vigo, onde está o final desta liña ferroviaria.

Estación de Vigo
Estación de Pontevedra
O 18 de xuño de 1881, unha vez concluído Arbo-Ourense, queda inaugurada a liña completa desde Vigo, pasando por Porriño. Construíuse un viaduto en Redondela, coñecido posteriormente coma "Viaducto de Madrid", obra do enxeñeiro Boquerín, e polo que pasou a primeira locomotora o 30 de xuño de 1876. Este tramo lévao acabo a Compañía 
Desde ese momento a compañía explotadora do ferrocarril chamouse "Ferrocarriles de Medina a Zamora y de Orense a Vigo". Será o 16 de maio de 1884 cando, a locomotora denominada Pontevedra nº2, circule por primeira vez no tramo entre Pontevedra e Redondela, de 19 quilómetros de lonxitude, que uniría a capital da provincia tanto con Vigo coma con Ourense. Pero haberá que esperar ata o 30 de xuño cando se inaugure oficialmente

Viaducto sobre o río Verdugo en Pontesampaio
 Destacan neste tramo as construcións do túnel de Figueirido, a ponte metálica sobre a desembocadura do río Verdugo, entre Pontesampaio e Arcade e o viaduto de Redondela, coñecido coma viaduto Pontevedra, obras do enxeñeiro Cardedera Ponzán e realizados pola "Compañía Maquinista terrestre y Marítima de Barcelona".

En 1884 entra en funcionamento o tramo Ourense - Os Peares. É neste último lugar no que se constrúe unha ponte metálica, xusto onde o Sil se xunta co Miño.
Ponte metálica de Os Peares
En 1885 entra en servizo o tramo Ourense - Monforte e Monforte - Os Peares, o que facilita a conexión entre Vigo e Madrid.

Intentáronse axilizar a obras deste último tramo de Monforte, xa que ao unirse a liña na localidade leonesa de Toral de los Vados facilitará unha rápida comunicación de Galicia con Madrid. Ese interese por avanzar as obras é debido ao crecemento demográfico desta última cidade que esixía un maior abastecemento de alimentos, principalmente carne de vacún, procedente de Galicia.

Ponte Internacional Tui-Valença
Chegou o momento no que España e Portugal se unan por ferrocarril. Ás seis da mañán do 25 de marzo de 1886 saía dende Vigo un tren especial tirado pola locomotora "Alfonso XII" que ía adornada cos escudos e bandeiras de Portugal e de España, chegando a Tui ás sete e media. Media hora máis tarde entraba na Ponte Internacional sobre o Miño. , ao mesmo tempo que o facía  un tren portugués arrastrado pola locomotora  "Valença".Chegaron os dous trens ata o centro da ponte onde o tren español foi arrastrado polo portugués ata Valença. A tan solemne acontecimento .acudiron a ambos lados das fronteiras numeroso público e leváronse a cabo diferentes actos .


Nos seguintes anos vai expandíndose a liña ferroviaria. Os 33 quilómetros que separan Carril da cidade de Pontevedra inaugúranse o 24 de xullo de 1899. A locomotora encargada desta viaxe inaugural levaba o nome de “Caldas de Reyes”, podía circular a unha velocidade de 30 quilómetros por hora e ía manexada polo coñecido maquinista Sr. Porto.

Ponte da Barca sobre o río Lérez


De Carril a Pontevedra instaláronse tres estacións, xa construídas de ladrillo e cemento: Rubiáns, Portas e Portela.Levantáronse para este tramo dúas pontes metálicas sobre os ríos Umia, no lugar de Paraíso, en Portas, e o río Lérez, en Pontevedra. Así mesmo foi preciso abrir o túnel de San Amaro na Portela, Barro.
Despois de todas estas obras, xa é posible viaxar dende Catoira ata Madrid ou Barcelona a través de Redondela, dentro da liña Pontevedra-Vigo.

Da chegada da primeira locomotora a Ourense faise eco  o poeta Manuel Curros Enríquez no poema titulado:

NA CHEGADA A OURENSE DA PRIMEIRA LOCOMOTORA (1881)
I
Ponte do ferrocarril en Ourense (ao fondo)
Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
  II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.

Tamén outros autores galegos utilizaron o tren coma eixe condutor das súas obras; sen ir moi lonxe, poderiamos citar ao rianxeiro Rafael Dieste coa obra titulada “O vello que quería velo tren”.
Un vello que vivía coa súa filla mailo marido e co seu neto empezou a dicirlles que quería ver o tren antes de ir para o outro mundo, pero ninguén lle facía caso. Un día o cura enterouse do que pasaba e colleu ao vello e mailo neto e levounos a ver o tren.


Ningún comentario:

Publicar un comentario