01/12/15

O TREN DE AGORA FRENTE AO TREN DE ANTES


Feito un repaso pola historia do Ferrocarril , chega o momento no que aistimos a un novo acontecemento relacionado co mesmo.
Pasaron xa 142 anos para que vexamos de novo como por Catoira pasa un novo tren; chega o tempo da Alta Velocidade e das grandes obras de enxeñería. Temos moi preto de nós o novo viaduto sobre o río Ulla, considerado coma a ponte metálica máis longa de Europa, con 1620 metros de lonxitude que servirá para a circulación dos novos trens que unirán as cidades de Vigo e A Coruña, acortando de forma considerable a duración da viaxe.


Viaduto sobre o río Ulla

A primeira viaxe de supervisión, que non inaugural, entre A Coruña e Vigo, levouse a cabo o pasado 30 de marzo. Acompañaban á Ministra de Fomento, Ana Pastor, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo que, xunto cun gran número de autoridades, percorreron os 155,6 quilómetros de trazado dos que consta esta nova liña ferroviaria. Saíu este tren dende A Coruña ás 17:33h e chegou a Santiago ás17:55h. Alí subiu ao tren o alcalde desta cidade, Agustín Hernández.
Cara ás 18:15h o tren atravesaba o viaduto sobre o Ulla, en Catoira, e despois de 57 min. facía a súa chegada a Pontevedra. Arredor das 18:53h, o AVE rematou esta primeira viaxe na nova e moderna estación de Urzaiz, en Vigo.


Paso do tren polo novo viaduto
Histórica chegada do AVE a Vigo
Pero sería o sábado, día 18 de abril, cando comezara a funcionar de forma regular este novo tren.

Terá paradas nas estación de A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo- Urzaiz, con dez frecuencias diarias e un prezo de 29 euros  ida e volta entra A Coruña e Vigo.  A duración da viaxe entre estas dúas cidades será de 80 min.

Desta maneira, repasando un pouco a historia do ferrocarril en España e Galicia, quixeramos que se entenda que, naquela época, o paso do tren por unha localidade traía consigo unha mellora notable nas comunicacións e unha apertura cara novos mercados; significaba riqueza e progreso das cidades e pobos que tiñan a sorte de posuír unha estación do tren, porque arredor da estación creábase vida social no ir e vir de pasaxeiros e mercadorías.


  Moitos lugares naceron ou medraron no entorno da estación do tren. Sen ir máis lonxe, o exemplo témolo aquí en Catoira, onde a estación de ferrocarril deu lugar a que ao seu carón de desenvolvese principal fonte de economía deste pobo, co asentamento de importantes industrias; dalgunha maneira chegaba O Progreso. Moitas destas industrias deixaron de ter actividade, pero hai anos eran o eixe     
      principal do desenvolvemento económico e social desta localidade.

A desaparición de moitas das estacións e de paradas do tren leva consigo a falta de medios para poder desplazarse a diario moitas das persoas que dependen directamente deste medio.


            
                                   Estación do tren en Catoira.
 Un tren moderno frente ás vellas vías polas que tantas locomotoras circularon .



Ningún comentario:

Publicar un comentario