Buscar neste blog

29/11/20

 

DOUTRA MANEIRA


Eu nunca imaxinei

que isto ía pasar.

Xamais se poderá

recuperar todo o perdido.

Debemos continuar

e correxir tantos errores.

A vida é así,

doutra maneira.


Uns xa se foron,

outros xa irán,

non volveremos

a velos xa.

Pero teremos que pensar

que a vida é algo pasaxeiro.

Hai que aprender a vivir así,

doutra maneira.


Tempos virán

que nos dirán

que hai que facer

para acabar

con este virus tan mortal.

Con sentidiño hai que vivir;

para vivir, hai que loitar,

doutra maneira.


Verase o bo,

tamén o mal

que hai en nós

e nos demais.

Quedamos moitos neste barco

e temos que chegar a salvo

e con saúde  ,ata o final,

doutra maneira.


                                                 Autora:  Marisel Llerena Orgaz

Poemario propio 

 


19/11/20

 

Toleo por ela


Galicia, xardín e cuna

de Curros e Rosalía,

Dios me axude e a fortuna 

pra ir a ela algún día.

Xa sinto que pouco a pouco

vaise a miña mocedá

co fuxir da vida e logo

sin cartos para embarcar.


Cando d´esto me recordo

danme ganas de chorar.

A razón: Porque vou vello

e váiseme o folgo xa

para ir ver as rapaciñas

que mulleres xa serán,

alegres pol-as campiñas

oir o merlo silbar;

a armonía do xilgueiro,

o reiseñor no luar,

os rapaces no quinteiro

cas rapazas a enredar;

estalar no aire os fogos

o día de San Xulián,

nas procesións os gaiteiros, 

as campanas a tocar,

 xunto a ribeira as pescas,

berreando a todo berrear:

Mulleres, sardiñas frescas,

que son boas; vinde acá.

¡E pensar que todo esto

non chegarei a escoitar!

¿Será o causante o trasno?

¡Por la señal...! ¡Por la señal...!

¡Meiga fora! San Silvestre,

Santa Xusta e San Cafundo,

o demo do bicho ese

arredádemo do mundo.

        ---------------

Tamén ver o vello e a vella

despois da misa cantada

bailar no adro a muiñeira

e outros a puntiada;

burros e burras de Caldas

cargados de pan pra Padrón,

as hoveiras nas congostras

pementos vender d´Herbón;

pescar no muelle un amigo,

cazar as lebres no monte,

as mozas lavar no río,

os homes beber na fonte;

os abós cos seus netiños

levadiños poi-as maus,

as noras mirand´os fillos

que contentiños que van.

¿E pensar que todo esto 

non chegarei a mirar!

Xuro a Dios:¿lévame o demo

si non toleo a pensar!

       --------------

Galicia, querida terra,

non sei que día será

que felis arribe a ela

e non volva máis acá.

Virxen santa do Carmelo,

ti o podes remediar

dando salú e diñeiro

a este que rabia xa

por verte na iglesia nova

no teu bonitiño altar

e postrarme de rodillas, 

darche gracias e rezar.


Poema de José Llerena Braña do seu libro "Recordos da aldea"

Publicado na Habana en 1920

18/11/20

 RECUPERANDO O NOSO PATRIMONIO



Enorgulléceme moito que se recupere parte da nosa historia familiar e da do noso concello,Pontecesures.

E digo isto polo significado que esta bandeira representa. 

A continuación vén  esta boa nova que ten moita relación co que dixen con anterioridade.


"Esta semana recibimos a visita  dunha técnico do Museo de Pontevedra para valorar a restauración da bandeira da Liga de amigos do Carme e a Acta da entrega de dita bandeira.

 Ambos símbolos teñen unha importante relevancia para o pobo de Pontecesures, e unha vez solicitada á Deputación asistencia técnica para a sua restauración, o Servizo de Atención Intermunicipal (SAIM) confirmou a disposición de persoal especializado do Museo para levar a cabo a restauración de ambos emblemas cesureños. 

A bandeira da Liga de amigos do Carmen foi traída dende  A Habana no  ano  1912 polo   presidente da   “Sociedad Hijos de Puentecesures” na Habana e o apoderado do Centro Gallego, José Llerena Braña donada polos cesureños residentes en Cuba.

Na acta de donación aparecen nomes como Bandín, Temperán, Carrera, Magariños, Mosquera, Abalo e Llerena, os mesmos  que máis  tarde   fixeran  un donativo para  a adquisición  do  “Gabinete de Física  y Química” da  Escuela Graduada.

De máis recente aparación foi a Acta fundacional, cedida hai un par de anos por descendentes da  familia  Llerena, un  dos  asinantes  daquel  primeiro  documento  e que  estaba gardada  na  caixa  forte  do  Concello á  espera de conseguir persoal técnico que puidese devolverlle o seu aspecto orixinal.

A pretensión do Concello de Pontecesures é, unha vez restaurados, expoñer ambos emblemas no Salón de Plenos da Casa do Concello para poder ser contemplados por toda a veciñanza"

 

 "


Sempre será un símbolo do noso pobo e do que debemos lembrarnos para transmitir as xeracións vindeiras o valor de todo aquilo que fixeron moitas das nosas xentes na emigración, que dende terras lonxanas non esquecían á terra que @s veu nacer.

Ogallá se sigan mantendo e conservando os legados dos nosos antepasados para que non queden no esquecemento.

Debemos respectar e conservar aquelas cousas merecedoras de permanecer no tempo a pesares dos moitos contratempos que  poidan presentarse.

Grazas a tod@s cant@s amosades interese pola posta en valor e conservación de todos estes bens culturais que engrandecen a un pobo.

(Fotografías do Concello de Pontecesures)


Aquí, neste enlace, podedes coñecer algo máis sobre a historia da bandeira .

http://www.blogoteca.com/memoriapontecesures/index.php?cod=111279