Buscar neste blog

10/04/16

OUTRA MANEIRA DE ENTENDER "MEMORIAS DUN NENO LABREGO"

O Centro Específico de Educación Permanente de Adultos de Lugo, EPAPU Albeiros, foi creado no ano 1982. Inicialmente estableceuse no barrio de Albeiros, do que tomou o nome. No ano 2002 pasou ocupar as  dependencias nas que está agora, no parque da Milagrosa da cidade de Lugo.


A continuación , podedes ler o traballo elaborado por este centro e que ten gran interés para entender mellor a lectura do libro.

Memorias dun neno labrego. Vocabulario


CAPÍTULO 1. EU SON…

Alancar: Avanzar dando pasos longos.
Brocha: Cravo curto e de cabeza grande e arredondada.
Restrebar: Arar a terra da restreba. Restreba: terreo que queda cuberto das canas de cereal despois da sega.
Monllo: Brazado de vides, herba seca, etc.
Moxardo: Moscardo, tabán.
Espeteira: Táboa cravada na parede provista de espetos onde se colgan as ferramentas.
Murna: Mancha vermella que a proximidade do lume produce na pel.
Frida: Ferida.
Trafego: Faena ou traballo realizado con apuro.
Cortizo: Recipiente onde habitan as abellas e no que fan cera e mel.
Desatafegado: Descansado.
Temas:
 Presentación do neno Balbino:
  • Baixa autoestima: Di de si mesmo que é un ninguén.
  • Preséntase un conflito social. Os nenos da aldea son: pobres, traballadores, madrugan, tristes, pasan calor non verán e frío no inverno, andan descalzos ou con zocos. Os seus entretementos son as festas e ir buscar as varas dos foguetes. E soñar, sobre todo, soñar.
  • Tamén se opón a Manolito, que é da aldea pero é rico: sempre limpo, leva zapatos, come pantrigo, bebe café con leite e non se ergue cedo. Neste capítulo ‘non hai quen lle tusa’.
  • Balbino é un neno ao que lle gusta cavilar sobre a vida (‘Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morren os paxaros’, ‘estou seguro de que todo seguirá igual despois de que eu morra’). Escribe esas reflexións no seu diario, como fai o capitán Smith (John Smith, o primeiro gobernador inglés en Norteamérica).

CAPÍTULO 2. PERDIDO

Agro: Terreo de cultivo.
Treo, a: De calquera maneira.
Somanta: Malleira
Enfarruscar: Manchar ou mancharse de feluxe.
Feluxe: Substancia graxa e negra que o fume deposita na superficie dos corpos que están ao seu alcance.
Rebalbado: Deitado, estendido horizontalmente.
Renque: Serie aliñada. Liña de herba que se vai deixando ao segar.
Cadullo: Terrón moi duro.
Anagar: Anasar ou anicar.
Resío: Faixa de terreo sen cultivar que rodea unha casa.
Millán: Planta gramínea que medra entre o millo e que é daniña para el.
Trizar: Brincar.
Esbargallar: Desfacer unha cousa composta por varias partes.
Temas:
Diferenzas sociais: Balbino é diferente de Manolito, pero tamén dos pobres de todo. El envexa calquera das dúas situacións. Lembras por que envexa Manolito os pobres de todo?
Neste capítulo, o protagonista segue analizando a diferenza entre Manolito e el. Apúntase a principal causa do enfrontamento e da frustración de Balbino. Seu pai sempre se vai poñer de parte de Manolito porque a súa familia é a dona das terras que traballan e da casa que habitan e teñen medo de perder a base da súa economía.
A familia. Numerosa: os pais, os padriños, a tía, o irmán que marcha para América. Balbino séntese unido sobre todo ás mulleres, a nai e a tía, as primeiras que o buscan. Con todo, a relación co pai é de anhelo. De feito, soña con el, con que xoga con Manolito e el séntese só. Balbino foxe polo castigo físico e ten a intención de fuxir lonxe, aínda que á hora da verdade non o fai.

CAPÍTULO 3. O XUDÍO

Pendón: Especie de bandeira que vai colgada nun pau nas procesións
Estandarte: Bandeira un pouco máis grande que tamén vai nas procesión.
Chisqueiro: Acendedor.
Doa: Boliña de vidro ou outro material.
Rabear: Desexar moito.
Arretegar: Apertar ben.
Arrondearse: Balancearse.
Adro: Terreo arredor da igrexa.
Estangurria: Cousa rara e extravagante.
Penzo: Torcido.
Batel: Barco pequeño.
Tripar: Pisar.
Sebe: Valo feito de distintos materiais.
Eira: Terreo próximo á casa onde se mallan os cereais.
Atenazar: Morder.
Salido: Terreo onde se cultivan hortalizas.
Aduanadas: Mala acción.
Cobiza: Desexo dunha cousa.
Xabreiro: Instrumento de zoqueiro.
Aldraxar: Maltratar.
Bacelo: Videira nova.
Enxertar: Introducir a rama dunha planta no tronco doutra para que medre nela.
 Temas:
  • A procesión. Festa que Balbino non desfruta.
  • Hipocrisía relixiosa. Por que critica o Xudeu aos seus veciños, razón de que sexa tan impopular entre eles? Que opina Balbino do Xudeu?
  • Educación
  • Alcumes. Cres que o xudeu pertence realmente a esa relixión. Os alcumes son moi usuais nas comunidades pequenas: aldeas, clases, etc. Ás veces, son alcumes de mal gusto, pero outras son ben aceptados por quen os leva. Podes poñer un exemplo de cada?

CAPÍTULO 4. LOITO

Afincar: Empurrar.
Chusco: Simpático.
Compangueiro: Que quere quedar ben con todo o mundo.
Remonta: Remendo.
Bagoxar: Chorar.
Espelido: Listo.
Chamizo: Pedazo de madeira queimada.
Arremedar: Imitar facendo burla.
Esmangoletado: Sen ánimos.
Molime: Conxunto de mato para facerlles a cama aos animais.
Coto: Cumio.
Forcada: gallete (ver debuxo)
Entrillado: Pillar e magoar unha parte do corpo entre dúas superficies.
Encambar: Encargar un labor pesado.
Arrepoñerse: Rebelarse.
Taboleiro: Conxunto de táboas que forman unha superficie.
Faco pedrés: Cabalo cor da pedra.
Garnido: Adornado.
Galloufeiro: Festeiro.
Rufo: Con postura de superioridade.
Barrufallada: Cousa de pouco valor.
Estronicio: Estrondo, ruído grande.
Fiscornio: Instrumento similar á trompeta.
Caroza: Capa impermeable feita de xuncos.
Mallo: Ver ilustración.
Zafra: Peza de ferro rematada en punta para traballar os metais.
Agoirar: Adiviñar.
Luxar: Manchar.
Borralla: Cinza.
Coutado: Privado de facer algo.
Temas:
  • O loito. Como se manifesta?
  • Festividades anuais: Entroido e Coresma. Coñeces outros entroidos tradicionais galegos? Porque hai un contraste tan grande entre o entroido e a coresma?
  • O Antroido tradicional da comarca da Ulla: os xenerais.
  • Festas tradicionais: bandas, desfiles, cancións populares. Nesta faise referencia á Rianxeira. Coñécela? Coñeces outras cancións populares galegas? 


CAPÍTULO 5. OS GRANDES

Encabuxar: Enfadar.
Zoscar: Golpear.
Alforxa: Bolsa ou saqueta que se leva ao ombro ou sobre o lombo das bestas.
Estrucia: Astucia.
Arredar: Apartar.
Esculcar: Mirar buscando.
Abrouxar: Enxordecer con ruídos.
Esfarrapado: vestido con farrapos (roupa gastada ou desfeita)
Couza: Insecto que destrúe papel, madeira… (cast. *polilla)
Arroutada: Decisión impulsiva.
Engastallar: Enredarse cousas que non se desprenden facilmente.
Laceira: Miseria.
Guindar: Tirar.
Xiada: Temperatura baixo cero.
Baldar: Deixar tolleito ou impedido.
Temas:
  • Incomprensión entre fillos e pais.
  • Violencia na familia.
  • Miseria e servidume das familias pobres e ansia de liberdade dos membros máis novos.

CAPÍTULO 6. AMÉRICA

Bulir: Darse présa.
Turrar: Tirar.
Esgarabellar: Tocar repetidamente cos dedos.
Proído: Picor.
Sarabullo: Erupción de grans na pel.
Buguina: Aparello para facer ruído.
Xeiteniño, a: Pouco a pouco, amodo.
Terzar: Mediar entre dúas persoas, intervir.
Axexar: Vixiar.
Enxugar: Secar.
Decote: Sempre.
Folgar: Non traballar.
Compango: Alimento que acompaña o pan.
Lerio: Asunto indeterminado.
Esnicar: Quitar pedazos.
Artesa: Caixón rectangular para amasar o pan.
Arredar: Apartar.
Latricar: Falar moito e sen xeito.
Ichó: Trampa.
Retróneca: Argumento que non vén ao caso.
Erguerse das cuñas: Alporizarse, enfadarse.
Nugallán: Preguiceiro.
Monifate: Boneco articulado que se move con fíos.
Requinaeterna: Formalidade inútil no dicir.
Risparse: Fuxir.
Zanca: Leira grande cerrada.
Temas:
 A familia. Neste capítulo cítanse polo menos sete persoas da familia de Balbino. Saberías dicir quen son? Antes as familias eran moi numerosas e na mesma casa vivían os avós, os tíos, os pais e varios irmáns. Cambiou moito este aspecto?
A emigración. Miguel marcha para América. Balbino, cando le a carta que manda, fantasea con viaxar el mesmo a América, o que dá lugar a un debate entre o pai, favorable á emigración, e o avó, contrario á mesma. Poderías citar argumentos dun e outro para defender a súa postura?

CAPÍTULO 7. PACHÍN

Rillar: Roer.
Codia: Parte externa endurecida do pan.
Rebumbio: Alboroto.
Parrafeo: Conversa.
Requestado: Cruzado de varias razas.
Penca: Mancha pequena de cor parda que sae na cara.
Barullar: Facer ruído.
Recachar: Abrir a boca para ensinar os dentes.
Cravuñar: Afiar a gadaña.
Alporizar: Facer perder a calma.
Encirrar: Provocar un animal para que ataque.
Folguexar: Alentar, respirar.
Aturar: Tolerar algo molesto.
Brincadeira: Acción de brincar, xogar, facer bromas.
Xalgarete: Rapaz con mal comportamento.
Aburar: Causar molestia.
Grimo: Sensación desagradable de noxo ou medo.
Derrear: Mancar gravemente a columna vertebral.
Baduar: Falar moito e sen sentido.
Sella: Recipiente para transportar auga.
Arramplar: Levar dun sitio todo o que se pode.
Ripa: Táboas delgadas do teito sobre as que se colocan as tellas.
Tobo: Cova onde se refuxia un animal.
Solimán: Veleno.
Estarricado: Estendido.
Queiroa: Arbusto.
Legoña: Ferramenta cunha pa de ferro.
Abrollar: Saír os primeiros gromos.
Gromo: Pequeno vulto de onde saen talos ou flores.
Temas:
  • Candidez da infancia. Balbino fala dos contos de animais que falan e dos Reis Magos. Que crenzas infantís recordas?
  • Relación cos animais domésticos e cos salvaxes.
  • Na aldea tamén hai reparto de labores masculinos e femininos. Pon algún exemplo.

 CAPÍTULO 8. REBUSQUE

Adival: Corda grosa e longa.
Atafegar: Impedir a respiración.
Baloco: Pau para golpear.
Denosiña: Animal carnívoro algo maior ca o rato.
Bafaxe: Vento suave.
Esparexer: Separar en distintas direccións.
Recovaxe: Grupo.
Balbordo: Ruído grande e confusión de voces.
Xunguido: Unido.
Pedro chosco: o sono.
Argallada: Invento.
Andrómena: Mentira ou invención fantástica.
Aparruñar: Subir.
Santa compaña: Grupo de almas en pena que andan en busca dun novo defunto.
Gavexar: Facer cousas de pouca importancia.
Frangulla: Anaco pequeno de calquera cousa.
Matogueira: Conxunto de plantas baixas.
Alaxe: Xoia.
Fouciño: Instrumento para segar coa folla curva e o mango curto.
Eixada: Instrumento cunha lámina de metal e un mango que serve para cavar.
Anoto: Pena moi grande.
Aburar: Abrasar.
Teimoso: Que persiste nas súas ideas.
Barrela: Despensa.
Billardo: Anaco de leña.
Miñato: Ave de rapina.
Penedo: Rocha grande.
Palloco: Morea de esterco.
Degaro: Desexo grande.
Estornela: Xogo tradicional. Billarda.
Birta: Rego para distribuír a auga da rega.
Restroballo: Restos de palla ou herba que quedan na leira.
Temas:
  • Ilusión de Balbino co seu tesouro. Cres que a caixa atopada e logo perdida é un símbolo?
  • Traballo que podían facer os nenos.

CAPÍTULO 9. ELADIA

Quino: Porco.
Trenla: Corda grosa.
Apandar: Soportar, cargar con algo que non gusta.
Chilindrada: Cousa de pouca importancia.
Feixe: Conxunto de paus ou verduras atados.
Xolda: Diversión.
Patín: Escaleiras e terraza exteriores dalgunhas casas tradicionais.
Carriza: Musgo.
Amolecemento: Abrandamento.
Xostregada: Golpe que se dá cunha xostra (vara delgada e flexible).
Roufeño: Rouco, que ten a voz áspera e pouco clara.
Boubín: Enfermidade semellante á epilepsia.
Cuxo: Cría da vaca.
Vergallazo: Golpe dado coa vara.
Trocar: Cambiar.
Fachenda: Presunción.
Amalar: Enfermar.
Xenreira: Ira.
Escadullar: Desfacer terróns.
Talo: Dureza da pel, calo.
Esgana: Aresta dos cereais.
Crecho: Rizado.
Agurgullar: Facer burbullas.
Estordegar: Forzar, sacar do sitio.
Pescudar: Facer investigacións para saber algo.
Axexar: Vixiar.
Espetado: Cravado.
Troupelear: Facer ruído cos pés.
Gabexar: Arranxar, ordenar.
Chambra: Peza de vestir exterior, ancha e con mangas.
Regalía: Privilexio.
Anoxarse: Enfadarse.
Aldraxar: Ofender.
Encabuxar: Enfadar.
Rachar: Separar en dúas partes.
Guindar: Lanzar.
Ensumido: Consumido.
Pistraca: Persoa que come moi pouco.
Chistar: Agradar.
Manxorrada: Calquera alimento.
Aborrecer: Odiar.
Acochar: Tapar coa roupa.
Supetamente: De repente.
Temas:
  • As feiras. Que fai Balbino cando vai ás feiras?
  • A escola. A Balbino gústalle a escola, pero déixaa. Por que? Tería algunha posibilidade de continuar os seus estudos?
  • Balbino descobre o amor. Memorias dun neno labrego é unha novela de aprendizaxe. Unha desas aprendizaxes é un sentimento novo.

CAPÍTULO 10. O FUMAZO

Fumazo: Fogueira do día de San Xoán.
Canear: Andar sen rumbo.
Roleiro: Faixa de terreo que separa unha leira doutra.
Encrucillada: Cruce de camiños.
Renxer: Producir un ruído estridente e molesto.
Amorear: Facer montóns.
Esteo: Columna.
Maino: Suave.
Atizar: Avivar o lume.
Arrepiar: Producir pavor.
Estronicio: Ruído moi forte.
Pínfano: Instrumento musical.
Penisco: Anaco pequeño.
Trouxa: Paquetiño.
Temas:
  • Festa do san Xoán. Celébrase en toda Galicia. É o día do lume novo.
  • Tradicións: facer lume e saltalo, deixar un ovo para ler o futuro, lavarse con auga con flores e ver bailar o sol.

CAPÍTULO 11. A MORTE

Aterrecer: Causar terror.
Aparruñar: Subir por unha superficie vertical.
Esgazar: Separar en dúas partes.
Aguillada: Vara longa cun aguillón.
Esfarrapado: Descoidado no aseo e no vestir.
Labra: Operación de labrar unha leira.
Ladrairo: Conxunto de táboas que se poñen aos lados do carro.
Chota: Cantidade de esterco que se colle dunha vez.
Legoña: Utensilio para cavar.
Trollo: Utensilio que se emprega para desfacer terróns.
Angazo: Utensilio con dentes para xuntar a herba (*rastrillo)
Caruncho: Fungo dalgúns cereais.
Gaspalleiro: Trapalleiro.
Repinicoque: Movemento áxil.
Torgo: Son da voz.
Vencello: Vínculo
Acougo. Descanso.
Entalecido: Cheo de durezas.
Velorio: Acto de velar pola noite un defunto.
Recuncho: Lugar apartado.
Anllar: Lugar onde se coloca a leña para o lume.
Engruñado: Encollido.
Xostra: Vara delgada e flexible.
Folerpa: Cada unha das partículas de neve.
Chupe, a: De moita costa.
Esfachicar: Romper en anacos.
Irto: Ríxido.
Temas:
  • A morte. Sentimentos que provoca.
  • Velorio. Solidariedade dos veciños. Cambios de actitude e do ánimo dos que asisten.
  • Novo soño de Balbino.
  • As vidas son como ríos ou mórrese un pouco cada día. Cal é a túa idea sobre a morte?

CAPÍTULO 12. O MEU AMIGO

Comenencia: Conveniencia.
Rabecha: Enfado grande.
Aturar: Tolerar algo molesto.
Vexigas: Varicela.
Sarampelo: Enfermidade semellante á varicela.
Avolta: Revolta.
Anada: Colleita. Cantidade de produtos que se recollen do campo.
Leirear: Falar.
Estrebillar: Enredar.
Cornello: Fungo parasito do millo.
Tarabela: Obxecto que fai ruído cando hai vento.
Chilindrada: Cousa de pouca importancia.
Garamelo: Trampa.
Fragueiro: Comerciante de madeira ou carpinteiro de carros.
Temas:
  • Amizade. En que consiste? De quen aprende Balbino a noción e o valor da amizade?
  • Outra frustración de Balbino. Que pasa cando por fin atopa un amigo de verdade?
  • A amizade hoxe. Como facemos amigos? Cantos temos de media? Que facemos con eles?

CAPÍTULO 13. SANCRISTÁN

Cotelear: Dar cabezadas por causa do sono.
Lecer: Ocio.
Funcioneiro: Persoa que se encarga de organizar unha festa.
Poxar: Adxudicar algunha cousa a quen máis ofreza por ela.
Anoxo: Enfado.
Rolda: Orde en sucesión.
Campar: Sentar ben.
Requilorio: Formalidade inútil.
Fabriqueiro: Encargado dunha igrexa.
Cinzarra: Campá que se pon no pescozo dos animais.
Batel: Peza metálica que se abate contra as pareces das campás para que soen.
Túmulo: Monumento funerario.
Cangalleira: Pau do carro.
 Temas:
  • Balbino ten un motivo para darse a valer: ten un traballo como sancristán. Iso permitiralle unha compensación material (danlle un traxe e dous pesos) e outra persoal (provoca a admiración dos veciños).
  • Unha das cavilacións de Balbino: ‘¡O que é a roupa! Trátano a un segundo o ven por fóra’. Cres que Balbino ten razón? Arguméntao.

CAPÍTULO 14. O XURAMENTO

Peta: Ferramenta para cavar.
Vagoroso: Lento.
Bigornia: Peza sólida de ferro rematada en punta, para traballar metais.
Abeaca: Peza do arado.
Dril: Tea forte de liño ou algodón.
Legüeiro: Quen traballa na estrada.
Refucir: Arremangar.
Picaraña: Ferramenta para picar a pedra.
Garular: Cantar os paxaros.
Rechouchío: Canto continuado dos paxaros.
Couselo: Planta que se dá nos muros e tellados.
Xeira: Traballo que se fai dunha vez.
Esmendrellar: Romper, desfacer.
Esbargallar: Desfacer unha cousa composta por varias pezas.
Esburado: Gravado.
Nesporeiro: Niño de avespas.
 Temas:
  • Rexeitamento que provocan algunhas profesións.
  • Cambio de situación social da tía Engracia.
  • Reflexións sobre a morte: ‘Rendos vivirá mentres que a fonte dure, aínda que apodrecese o seu corpo’. Que determinación toma Balbino ao final do capítulo (o xuramento)?

CAPÍTULO 15. A PEDRA

Encerellado: Enredado.
Estornela: Xogo tradicional.
Pezoña: Veleno.
Acirrar: Incitar a unha persoa para que actúe de determinada maneira.
Arrendar: Facer a segunda sacha.
Xenreira: Odio contra algo ou alguén.
Aldraxe: Trato inxusto.
Cantazo: Pedrada.
Afitar: Apuntar na diana.
Atricamento: Provocación.
Escintilante: Brillante.
Alolear: Quedar coas facultades minguadas por unha impresión.
Tolena: Malleira.
Gabilo: Fouce pequena de mango longo.
Estordegar: Forzar.
Trasviramento: Turbación do xuízo.
Embrullo: Envoltorio.
 Temas:
  • Castigo físico.
  • Inxustiza que sofren Balbino e a súa familia. Reacción de Manolito. Acaba servindo igual, pero por propia iniciativa porque está resentido coa familia.

CAPÍTULO 16. DESTINO

Mallado: Experimentado.
Santilorio: Persoa que ten unha devoción hipócrita.
Ceifa: Sega.
Arraiar: Amencer.
Temas:
  • O destino é o que escollemos. Cal é a opinión de Balbino?
  • As cartas de Lelo: pequenas cousas que fan a vida menos dura.
  • A aprendizaxe do amor: a relación con Flora.
  • A desigualdade entre as clases e a difícil relación de Balbino coa súa familia.

www.edu.xunta.es/centros/epapualbeiros/node/309

Ningún comentario:

Publicar un comentario