Buscar neste blog

27/05/16

APRENDENDO A NOSA HISTORIA


Visita do grupo de 5ºB ás Torres de Oeste

Aprobeitando que estamos tratando o tema da Idade Media, que mellor lugar para recrear uns momentos clave na historia de Galicia e de Catoira, en particular.

Un lugar coma as Torres de Oeste ben merecía que se lle adicase un tempo para poder comprender como este enclave estratéxico está situado no lugar polo que entraron diferentes pobos e civilizacións  e a influencia que estes chegaron a ter naqueles momentos.

Foi este río Ulla un camiño importante polo que significou o paso dos restos do Apóstolo Santiago, convertíndose no principal camiño Xacobeo da Historia.

Pero o que máis cabe salientar deste asentamento, que se supón con antecedentes castrexos e posteriormente romanos, é a súa misión de defender esta entrada contra as incursións dos normnados e dos piratas sarracenos nas nosas costas.

Aínda que o que podemos observar son os restos dun enclave defensivo, estando aquí podemos supoñer como podía ser este lugar naquela época de maior explendor.

Sen embargo o interesante desta visita foi poñer en valor a historia destas torres e comprender o significado desta célebre frase:  "CATOIRA, CHAVE E SELO DE GALICIA"

Tamén podemos falar do aspecto lúdico deste lugar, pois tódolos primeiros domingos do mes de agosto se celebra neste recinto a internacionalmente coñecida "ROMARÍA VIQUINGA", na que se recrea o desembarco e posterior combate entre invasores e invadidos, rematando todos xuntos nunha gran festa.

"Víanse entrando pola Ría de Arousa uns cen drakkars cara Catoira dirixidos polo seu xefe Gunderedo".....


Detalle da ventá da Torre Maior.


Reproducións de dous drakkars viquingos.


Paseo sobre as xunqueiras.

Ao fondo, vista do viaducto sobre o Ulla entre as provincias de Pontevedra e A Coruña.

Aspecto da marisma coa marea baixa.

Entrada no recinto pola porta da Torre de Lugo.

Un descanso para repoñer forzas.

Descanso para merendar e charlar .

Torre próxima ao río Ulla.

Grupo de 5ºB xunto á ermida e á Torre Maior.

Imaxe dunha das torres con parte da muralla defensiva.

Diante da Torre de Lugo.

Ao fondo o illote coñecido como o do Rato ou do Rapto cun dos cruceiros do viacrucis marítimo fluvial.

Restos dunha das torres.

Outro aspecto da marisma coa marea baixa.


Aspecto dunha ventá da capela de estilo prerrománico asturiano.

 Rosalía Castro escribiu este poema adicado ás Torres de Oeste:

As Torres de Oeste

A iaugua corría
polo seu camiño,
i eu iba ó pe dela
preto dos Laíños,
sin poder cas penas
que moran conmigo.

Con tamaña carga,
¿para dónde eu iba?
A Virxe sabráio,
que eu non o sabía;
mais seica fuxindo
de min mesma iña.

Por antre os herbales,
profunda e sombrisa,
cal unha sarpente
de escamas bruñidas,
brillaba ós meus ollos
dándome cobiza.

¡Estaba tan soia!
Nin bote, nin lancha,
nin velas, nin remos
a vista alebraban;
e soias as veigas
tamén se quedaran.

¡Qué bonitas eran
noutro tempo as rosas
que naqueles campos
medran e se esfollan!
Mais muchas estonces
se amostraban todas.

I o sol, cal a lúa
en noite de brétema,
brilaba tembrando
por antre as vimbieiras,
tan descolorido
como a mesma cera.

I ao ferir as ondas
revoltas e escuras,
víanse no espeso
da negra fondura
as herbas marinas
e longas que a surcan.

De pronto unha i outra
poñéndome medo,
as loitosas cruces
se me apareceron
que se erguen na orela
cal nun cimiterio.

"Meu ben, ¿ónde moras?
-perguntéi chorando-.
Xa que ti morreche,
no mundo, ¿qué fago,
coma vós, ¡ouh torres!,
soia e sin amparo?

Soidás me consomen,
bágoas me alimentan,
sombras me acompañan,
cómeme a triteza.
¡Quén pode con tanta 
fartura de penas!"

I eu non sei qué negra
tentazón maldita
me afrixéu o esprito,
me anubróu a vista,
e sorréume como
me o demo sorrira.

Dende a fonda orela
miréi arredore...
A marea viva
petaba nas torres,
orfas antre a líquida
sabán que as envolve.

"¡Alá vou! -lles dixen-.
Daime morte dose,
auguas onde as penas
para sempre dormen..."
Saltéi..., i a corrente
calada levóume.
..................................
..................................
..................................
¡Ouh Torres de Oeste!
Malas tentadoras
auguas apromadas,
de calma treidora;
cómaros pelados
onde o corvo pousa.

¡Ouh Torres de Oeste!
Tan soias e mudas,
ca vosa atentaches
a miña tristura.
Ninguén triste vaia
cabo de vós nunca.

Dos desamparados
tendes o homenaxen,
i aínda ó redor voso
non rexorde o aire,
coma si temese
de vos despertare.

É das que se apegan
a tristeza vosa;
das que o peito oprimen,
das abrumadoras,
que ó inferno encamiñan
as almas loitosas.

Que si inda estóu viva,
foi que un mariñeiro,
medio morimunda,
por estes cabelos
tróuxome das ondas
ó mundo en que peno.

Non vaiades nunca,
eu vo-lo aconsello,
ás Torres de Oeste
co corazón negro.




UN CONTACONTOS MOI ESPECIAL


O pasado venres, 20 de maio, tivemos a ocasión de asistir a un espectáculo de contacontos.

Foi Manuel Solla o encargado de levar a cabo esta sesión tan peculiar e foi quen de manter a atención deste público formado polo alumnado de 4º, 5º e 6º curso do noso cole dende pricipio a fin da súa intervención.

Fíxoos partícipes da historia, que algúns se atreveron a interpretar, e nos fixeron pasar un rato divertido.

Un conto inventado: "A princesa dos labios de fresa", provocou entre os asistentes momentos de risa.....

Moitas grazas a Manuel Solla por facernos disfrutar tanto !!!


Estas son algúns dos momentos da súa actuación:







Alumnado de 5ºB fotografado xunto a Manuel Solla.

21/05/16

O NOSO POETA





Os nosos parabéns para Lucas, gañador do concurso literario das LETRAS GALEGAS no noso centro.

Pero además foino por partida sobre, xa que tamén foi premiado no concurso INTERCENTROS que cada año, por estas datas, organizan as ANPAS dos colegios CPI PROGRESO de Catoira, CIP FERRO COUSELO e CIP BAÑO de Valga e o CPI INFESTA de Pontecesures.

A obra premiada é un poema titulado "San Cibrán";
que nos fala da famosa romaría que se celebra nunha pequena capela preto do monte Xiabre e á que acoden xentes da bisbarra a celebrar esta festa.


17/05/16

17 MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS





"Galicia docemente 
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar! 

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!


Galicia  é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!"


Manuel María > Biografía


1929-1948
Manuel María nace en Outeiro de Rei da Terra Chá (Lugo) o 6 de outubro de 1929, no seo dunha familia de labregos máis que acomodada. Vive os seus anos da nenez e da adolescencia como calquera outro neno do mundo rural, coa única diferenza de que na súa casa non sufrirán nunca a miseria e a fame que coñecen a maioría das familias naqueles primeiros tempos da posguerra. Comeza a escola en Outeiro en plena guerra civil. Logo prepara en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre que dedica as tardes dos sábados a ler e comentar textos poéticos galegos -algo verdadeiramente sorprendente nesa época-, o que lle permite descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no curso 1942-43 no Instituto Masculino de Lugo. Antes de rematar o primeiro curso, en maio de 1943, morre o seu pai e faise cargo da súa educación o seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade luguesa. Son anos duros e difíciles, que o futuro poeta vive como internado na Academia Galicia dos maristas até que no 1947-48 regresa ao Instituto para rematar o bacharelato. Sempre que pode, de calquera xeito, retorna aos seus eidos, á liberdade de Outeiro de Rei, onde vive días moi felices coa nai e cos irmáns, integrándose plenamente no mundo labrego. Precisamente é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, co que aprende a facer versos nos mediodías do verán, á sombra dunha oliveira. Ademais da influencia cultural do seu tío crego, moi formado en Teoloxía, Filosofía e Literatura, nese tempo da adolescencia de Manuel María é para el lectura habitual A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e a Xeración do 27.

1949-1963


1949 é un ano transcendente e decisivo na vida de Manuel María. Con só dezanove anos pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; intégrase na tertulia luguesa do café Méndez Núñez, invitado polo poeta Luis Pimentel, na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro ou Carballo Calero; convértese en editor da revista Xistral -onde publica os seus primeiros versos en galego-, e escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, que sairá ao ano seguinte na colección Benito Soto, de Pontevedra.
O seu primeiro libro de poemas, que acada un grande eco nos xornais e recibe o eloxio de figuras como Otero Pedrayo, ten un triple valor histórico: é o primeiro libro que publica Manuel María, é a primeira obra que sae á luz dun poeta novo e é o texto que marca a aparición dunha nova corrente poética na lírica galega: a Escola da Tebra.
Tamén en 1949 matricúlase por libre en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, estudos que abandona ao ano seguinte. Nacen os primeiros versos de Morrendo a cada intre. A morte en accidente do seu irmán máis novo prodúcelle unha profunda crise íntima e relixiosa que o leva a escribir Libro de pregos. Pouco despois fai o servizo militar en Parga e en Compostela, onde coincide de novo con outro futuro poeta que xa coñecera en Lugo: Uxío Novoneyra. Na cidade de Compostela manterá unha grande relación cos intelectuais galeguistas, especialmente con Otero Pedrayo e Carlos Maside. Este último achégao á realidade do pensamento marxista.
En Lugo, xa liberado do servizo militar, inicia os estudos e prácticas de Procurador dos tribunais, publica o seu segundo poemario e gaña o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Bos Aires. No verán de 1953 escribe a primeira redacción de Terra Chá, que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raigames labregas. Son anos de intensa creación poética, que se traduce en diversos libros, moitos dos cais permanecerán inéditos longo tempo.
En 1956 Manuel María coñece a Saleta Goi e ábrese aí unha nova etapa persoal na vida do escritor. Casan en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador até a súa xubilación.
Entre 1959 e 1963 manteñen unha grande relación co grupo de intelectuais de Ourense (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, etc.) e asisten ás primeiras reunións para reorganizar o nacionalismo galego, un proceso político no que é clave a figura de Méndez Ferrín. É a época do Consello da Mocedade e da ruptura co piñeirismo. Intensifica, así mesmo, a súa creación, non só como poeta, senón tamén como narrador e dramaturgo. Desta época cómpre destacar libros comoDocumentos persoaes (1958) e Mar Maior (1963).
A resistencia cultural que caracterizou as etapas anteriores increméntase na segunda metade dos sesenta, ao tempo que aparecen os primeiros partidos nacionalistas galegos, a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), que veñen encher o baleiro creado pola liquidación do Partido Galeguista. Asistimos igualmente ás primeiras folgas obreiras, á loita labrega contra FENOSA e ás revoltas na Universidade. O compromiso de Manuel María ao longo de todos eses anos levao a percorrer o país e a participar en importantes acontecementos para a cultura galega e para o país: a presentación de Raimon e da Nova Canción Galega, a creación da colección de poesía Val de Lemos, a edición de discos en colaboración coa discográfica EDIGSA, a inauguración da Libraría Xistral, etc.
1964-1977  
No campo creativo a súa voz é cada vez máis comprometida e combativa: Versos para un país de minifundiosVersos para cantar en feiras e romaxesRemolCanciós do lusco ao fusco…En 1975 presenta a súa renuncia como membro correspondente da Real Academia Galega dada a total ineficacia desta institución en defensa da lingua galega e dona a propiedade de Edicións Xistral ao recén creado Frente Cultural da AN-PG, organización esta da que Manuel María será un activo militante.
1978-1980  
É o momento da transición política e da creación dun marco autonómico. A poesía galega non é allea a eses cambios que se producen na sociedade e no plano político. O poeta inicia o regreso ao amor e aos eidos nativos como temas da creación literaria. Poemas ao Outono, escrito xa no umbral desa época, sinala como ningún outro libro un novo rumbo na voz poética de Manuel María. Aínda así, o poeta non renunciará en ningún momento ao seu compromiso activo co nacionalismo galego, formando parte inclusive das candidaturas ao Senado e ao Concello de Monforte.
1981-2005  
A súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a recén creada Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa.
Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos: Premio Celanova, Casa dos Poetas, Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos, Amigo de Quiroga, Lucense do Ano, Pedrón de Ouro, Irmandade do Libro, Letra E da AELG, Premio Otero Pedrayo, etc. Mais hai dous actos que foron moi especiais para o poeta: a homenaxe nacional que a AS-PG lle tributou no Teatro Rosalía de Castro en 1995 e a entrada como académico numerario na Real Academia Galega en 2003.
En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs.
Hai que salientar, ademais, a aparición en 2001 da súa Obra Poética Completa, da man da editorial Espiral Maior, que dirixe o tamén poeta Miguel Anxo Fernán Vello, e a publicación un ano antes dun libro-homenaxe impulsado pola Asociación Cultural Xermolos.
Manuel María falece o 8 de setembro de 2004 na Coruña. Despois do velorio no Panteón de Galegos Ilustres, o seu corpo foi trasladado a Outeiro de Rei no medio dunha multitude de galegos e galegas que quixeron dar o seu derradeiro adeus ao poeta nacional de Galiza.

Se queredes escoitar varios dos seus poemas musicados tedes esta outra ligazón:

http://www.casamuseomanuelmaria.gal/recursos/audios/musica.htm


No noso grupo decidimos ler este libro:




A obra de Manuel María é moi extensa, dende poesía, narrativa, teatro e ensaio.

Estas son algunhas das portadas das súas obras:




















06/05/16

LUGARES CON ENCANTO: FONTEFRÍA






O espazo coñecido como Fontefría  atópase no monte Xiabre.

Este monte ten unha altitude de 641m sobre o nivel do mar e está compartido polos concellos de Catoira, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Dende esa altura pódemos contemplar a Ría de Arousa, a desembocadura do río Ulla e os vales do Umia e o Salnés.

En Fontefría hai prados con regatos e mesas para poder pasar unha xornada de lecer no medio da natureza.

Tamén hai cabalos salvaxes que se crían en libertade.

Cando chega o outono podemos ver unha fermosa paisaxe e , ademais, pódese xogar coas follas secas.

No cumio do Monte Xesteiras hai varias antenas repetidoras de radio e televisión e, nas súas ladeiras,  varios  aeroxeradores que serven para obter corrente eléctrica utilizando enerxía eólica.

Hai tamén un regato que nace cerca dun viveiro de plantas e que chega ata Castrogudín.

Dende este monte vixían se hai incendios.

Pola noite hai unha preciosa vista de Vilagarcía, toda iluminada.

É un bo sitio para ir pasar o día, merendar ou acampar; pero hai que ter coidado cos raposos que, pola noite, poden entrar nas tendas de campaña.


Un dos regatos que descorre polo Xiabre.
Yago e Lucía, os autores desta reportaxe.
Embalse no Río do Con en Castrogudín.

Vista da Ría de Arousa.
Un dos varios aeroxeradores.
Vista de Fontefría


Plantación de piñeiros.






Indicadores de acceso ao Xiabre.

Auga deslizándose por enriba dunha laxe.


Fietos que medran á beira da auga.

Feito por: Yago Mera Rosete e Lucía Padín Barreiro.