CURSO ESCOLAR 2012-2013
PORTADA DO MES DE MARZO
Elaborada polo alumnado de 4ºA
Moi interesante este traballo sobre os oficios tradicionais, que era a temática da biblioteca para ese curso académico.
Algúns deles xa en desuso ,coma o dos arrieiros, animoume a facer un pequeño resumo do que foi este oficio en tempos pasados.
Aínda que daría para contar infinidad de detalles,centrareime en dar a coñecer o fundamental.
A orixe da palabra arrieiro provén da palabra arrear, é dicir, estimular ás bestas para que boten a andar, que sigan camiñando e apuren o paso..
O arrieiro é a persoa que ten por oficio transportar marcancías con animais de carga.
Oa arrieiros eran os transportistas da Idade Media, Moderna e Contemporánea, ata que desapareceron pola aparición de novos medios de transporte e novos camiños para comunicarse. Os arrieiros transportaban desde carbón, sal, cal, xamóns,viño ou peixe salgado....
Moitas veces o traballo de arrieiro era complementario ao de labrador ou gandeiro xa que ás veces estes últimos eran non proporcionaban suficiente para a súa economía familiar.
Se botamos unha ollada ao Catastro da Ensenada de 1752, poderemos constatar o número de arrieiros por zonas, unha información moi valiosa para entender a demanda deste transporte xa desde tempos pasados.
Coma animais de carga posuían cabalos ou mulas. Aínda que as mulas eran as súas preferidas por ter máis resistencia e capacidae de carga. Eran moi cotizadas. Cada mula podía levar sete olas de viño e cada ola levaba 16 litros, no caso dos que proviñan da zona do Ribeiro.
Según o seu poder económico, os arrieiros podían ter mulas ou cabalos.
Unha recua era unha fila de animais de carga atados uns detrás dos outros e podía ter ata dez ou doce bestas e algún chegaba a ter ata vinte animias.
Este é un oficio moi duro, tiñan que soportar as inclemencias do tempo( chuvia, neve, vento, néboa..)
Tiñan poucos medios para protexerse e usaban unha coroza de palla. Con neve tiñan que ir diante do carromato pisando a neve para facer camiño aos animais.
Ao longo das rutas de arrieiros había mesóns onde parar a descansar e comer, tanto eles coma os animais. Pero tamén había construcións a o longo do camiño, que lle servían para descansar e pasar a noite ao abrigo e almacenar mercadorías. Na zona de Forcarei aínda perduran algunhas delas.
Os itinerarios que seguían de cara o Ribeiro eran moi variados e dependían do lugar de onde partían.
Na actualidade estanse a recuperar as rutas que facían os arrieiros coma unha maneira de protexer e por en valor todo aquello que tiña relación con este sector económico.
Fanse rutas a cabalo percorrendo aqueles camiños polos que transitaban para levar as mercadorías que transportaban e que tan necesarias eran naqueles tempos nos que as comunicación eran tan precarias.
Facíanse intercambios de productos entre o interior e a zona costeira.
Contan que chegaban ao porto de Marín a buscar polbo para a feira do Carballiño. Botaban a noite polo Paraño e madrugaban para chegar a tempo con el.
Tamén , o peixe era moi prezado e para conservalo esperaban a que yo preparasen e salasen para poder levalo as zonas onde non chegaba.
A tradición oral e escrita conta que o pulpo chegaba a esas zonas do Ribeiro por que o porto e Marín pertencía ao Priorato de Oseira (suponse que a partires de mediados do S XVII ata mediados do S XIX) e polo tanto pagaban un tributo en especie, sobre todo peixe e o polbo seco para poder conservalo por máis tempo e que, debido á súa abundancia, recibían unha peza por cada catorce desmbarcadas, acabaron por comercializalo entre a xente desa zona, convertindo este producto en algo habitual na súa alimentación por tratarse dunha especie pouco valorada.
Foi en Arcos, parroquia do Carballiño, onde esta tradición está máis arraigada, e onde unha gran maioría das súas xentes adícanse a preparalo nas feiras e festas da nosa terra.
Por toda Galicia descorrían rutas de arrieiros, aínda que os que máis fama tiñan eran os procedentes do Ribeiro.
No Ribeiro había a figura do chamado "corredor", que acompañaba ao arrieiro ás adegas para tratar de intermediario na compra de viño. Cando o adeguiro e o comprador non se puñan de acordo, o corredor partía pola metade a diferenza de prezo e nese momento dábanse unha aperta de man en siñal do trato feito.
O oficio de arrieiro transmitíase de pais a fillos desde tempo inmemorial. Algúns corredores convertíronse en almacenistas de viño.
Moitos arrieiros pasaron a ser transportistas de mercadorías con camións e autocares de viaxeiros para as feiras, festas e mercados. Estes autocares eran convertibles, quitaban os asentos e quedaba libre para as mercadorías. Naqueles tempos, eran personas emprendedoras que souberon adaptarse ás novas circunstancias.
Como pode verse no mural, están algunhas desas palabras relativas ao vocabulario deste oficio:
Carromato.- O carromato estaba formado por unha plataforma
de madeira, con dúas rodas radiadas e dúas varas na parte dianteira, entre as
que situaban a cabalería máis poderosa e resistente.
Plataforma.-Superficie plana e horizontal, elevada sobre o
chan. Debaixo dela tiñan a panza , ou piso suplementario, para facer máis baixo
o centro de gravidade, onde ás veces cargaban pedras, sacos de area ou
pelellos de viño.
Coroza.-Capa con carapucho confeccionada con palla de centeo ou con xuncos, utilizada para protexerse da chuvia.
Vergallo.-Vara delgada e flexible que se empregaba para dirixir as bestas, cabalos ou mulas.
Cincha.-Correa de coiro duns oito ou dez centímetros
de ancho, que rodeaba o lombo e a barriga do animal , para que unida ás varas
ou cadeas tirara do carro e con que se suxeitan e apertan os arreos das
cabalarías.
Colarón.-Peza de coiro ou de metal que se pon arredor do
pescozo polo que se terma o cabalo ou a mula e se engancha ás cadeas ou cordas
que, a cada lado do animal, tiraban polo carromato.
Cabezal.-Corda ou correa trenzada de tiras de coiro coa que
se prenden as bestas ou cabalarías pola cabeza.
Bocoi.-Recipiente de madeira destinado a conter líquidos,
especialmente viño, máis grande co barril e ca pipa, cunha capacidade media
entre trescentos e setecentos litros.
Pelello.-Recipiente feito con pel de cabra cosida que se
empregaba para conter e transportar viño.
Galga.-Freo do carro aplicado ás rodas.
Tentemozo.-Pau vertical no que se apoiaban as varas do carro
para descansaren os animais.
Banco ou pescante,-Asento de madeira longo e estreito, onde
ía sentado o arrieiro que conducía as mulas e o seu acompañante.
Debaixo do asento , erguendo a tapa,aparecían dous
compartimentos. Nun levaban as ferramentas de ferrar as bestas e noutro
metían algo de comida para o camiño e a bota de viño.
Roda.-Peza circular que xira ao redor dun eixe e que pode
ser de diversos materiais e ter usos moi diversos.
Capota.-Cuberta móbil dun vehículo, que pode
estenderse ou recollerse. Servía para protexerse da choiva ou do sol. era unha
lona colocada sobre unha armazón de varas que colgaba tapando a parte traseira
e polos laterais.
Mesón.-Establecemento no que se serve comida e bebida. Eran
paradas de arrieiros.
Debido á presa coa que ían e os perigos do camiño, a comida
era parca e sinxela.
Invención deles foi "A carne richada",
"A carne ao caldeiro" e "As sopas de cabalo cansado".
"A carne richada" ten a súa orixe nos arrieiros que paraban nos mesóns do camiño e lle suministraban a carne á cociñeira para que lla pasara pola tixola de maneira rápida, sen case tempo de facerse polo que a maioría das veces estaba dura e dicíase que "aínda richaba".
"A carne ao caldeiro" era carne que levaban e
cocían con unto e sal os arrieiros nas súas paradas de noite. Unha vez que
ían comela botábanlle pemento picante e aceite en crú. Acompañábase de cachelos
e o caldo de cocer a carne agradecíase moito para quitar o frío do inverno.
"As sopas de cabalo canso" chámanse así por
que llas daban aos cabalos ou mulas cando non eran capaces de seguir tirando do
carromato. Facíanse cunhas codias de pan, molladas en viño con azucre.
Refráns relativos ao oficio de arrieiro
- Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de
cana, perde máis que gana.
-De arrieiro a arrieiro non pasa diñeiro
-Arrieiro rabudo, malla na besta e malla no burro.
-Vale máis arrieiro dunha besta que criado dunha recua.
-Arrieiros somos e no camiño da feira nos atoparemos.
-Pois somos recueiros e no camiño nos atoparemos.
-Xogan os machos e págannas os arrieiros.
-Os tres arrieiros que levan o viño do val son Miguelete,
Crucete e Marquete.
(San Miguel, Santa Cruz e San Marcos, as épocas das xeadas
máis perigosas)
-Arrieiros de loubán cunha besta catro van: dous arrean, un
contén e outro mira se vai ben.
-En morrendo o arrieiro sábese de quen é a recua.
-A burro pardo arrieiro arroutado.
-Falr de viño e de diñeiro, é cousa dun arrieiro.
CALENDARIO DOS NOSOS OFICIOS 2013
Cantiga popular
CANTIGA DA TERRA DE MONTES
Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.
¡Hai ruíña, hai ruada, vinde mozos e vellos á foliada.
CARBALLO DO VIÑO (O Pelete. San Sebastián de Covelo-A Lama). Conta a lenda que unha das mulas dun arrieiro, que ían cargadas de viño, deulle unha couce ao fillo e deixouno medio morto. Desesperado, o seu pai pediu a intercesión da Virxe dos Remedios para que o curara. O arrieiro agradeceulle á Virxe a curación donando o viño que se consumira na festa. Na festa dos Remedios séguese a tradición de regar o carballo con viño. Segundo os veciños por iso este carballo se mantén tan saúdable despois de tantos anos.
No seguinte enlace podedes ler este conto:
https://academia.gal/hemeroteca-web/paxinas.do?id=11121"
O xastriño- arrieiro". Amador Montenegro Saavedra
Bibliografía:
A ESTRADA. Miscelánea histórica e cultural. Núm. II
Os derradeiros arrieiros de Tabeirós- Terra de Montes
Luis-Manuel Caxide Diéguez
http://cousasdecarragal.blogspot.com/2020/10/marin-el-pulpo-oseira-y-as-pulpeiras-de.html
Cadernos de Fraseoloxía galega. nº3. Centro Ramón Piñeiro
Cadernos de Fraseoloxía galega. nº 2. Rfraneiro Galego.
Xesús Taboada Chivite. Centro Ramón Piñeiro
"Refráns da xustiza".Xesús Ferro Ruibal
Dicionario da RAG
Ningún comentario:
Publicar un comentario