A CONTA ATRÁS
Coma se dun recluso se tratara, contaba os días que faltaban para poder saír do seu confinamento.
Nun calendario que colgaba da parede da súa cociña, ía marcando cunha cruz as datas que ían transcorrendo desde que as autoridades aplicaran as medidas de protección derivadas da situación epidemiolóxica.
O seu caracter inquedo non lle permitía concentrarse e, cando chegaba a hora de ir durmir, mil cousas lle pasaban polo seu maxín.
Cando remataba o día e se poñía a chover suavemente pero dunha maneira monótona, as gotas da chuvia do tellado caían sobre un vello caldeiro de cinc e dábanlle a entender unha melodía encadeada que non lle permitía conciliar o sono.
O día a día ía transcorrendo entre lecturas de libros xa lidos, os pasatempos, a televisión, o paseo co seu can e pouco máis.
Vivía nunha casa rodeada dun pequeño xardín , o que lle permitía saír pasear e contemplar a vida cotiá do seu contorno próximo.
Distraíase vendo pasar os coches pola rúa e chamáballe moito a atención a cantidade de mercadurías que chegaban ás casas dos veciños traídas por servicios de transporte en pequeñas furgonetas. Probablemente serían compras realizadas "online" debido á imposibilidade de acudir fóra da súa residencia habitual a aprovisionarse de cousas necesarias para a vida diaria.
Tamén lle sorprendía a cantidade de lixo que cada día se amoreaba non contedores, tanto plástico, tanto cartón!...
Unha volta atrás na redución de plásticos... máis reciclaxe...máis custos....
Non tiña afeccións, case non se relacionaba cos seus veciños e saía da súa casa para ir mercar o necesario para facer máis soportable esta situación de encerro.
E cada día que pasaba contaba de maneira positiva no seu ánimo, sempre pensando que podía ter sido peor.
Así se animaba con estes pensamentos, esperanzado en que ía saír con ben desta etapa que lle tocara vivir e que fora algo tan imprevisible e nunca imaxinada.
Logo de pasar varias semanas baixo unha circunstancia case surrealista, a lus dun amencer solleiro que penetraba a través das contras da ventá do dormitorio, presaxiaba un cambio de vida para mellor.
"Xa vai quedando outro día menos para saír deste pesadelo"-pensaba para si mesmo.
Pequeno relato.
Autora: Marisel Llerena
Ningún comentario:
Publicar un comentario