Buscar neste blog

22/11/16

AS NOSAS XENTES


ENTREVISTA A MARTA VALIÑO FREIRE

por: Pablo Sumay Dios


Aínda que a maioría coñecemos a Marta Valiño pola súa faceta de cantante en diferentes orquestras galegas, descubrimos dela outras facetas interesantes.
Colaborou coa súa voz no programa "Historias de Galicia" e participou en multitude de películas de debuxos animados, coma Shin Chan; series de fición, coma Rías Baixas; sempre en galego.
Na actualidade lidera un proxecto de música rock chamado grupo "Marketta" e colabora con Roi Casal.
Unha auténtica artista polifacética.

Marta actuando co grupo Marketta


De onde eres?

Son de Vigo, Vigo cidade.

Canto tempo levas en Catoira?

Levo en Catoira dende o 25 de xuño de 2008, vai facer 9 anos.

A que anos comezaches na música?

Empecei con 17 anos, case 18 anos.

En que grupos cantaches?

Estiven en grupos e en orquestras. O primeiro grupo no que estiven era cuns amigos que se chamaba "Cibia". Fixemos dous concertos no Náutico de Vigo para os 40 Principales, era música feita polo grupo no que eu cantaba.
Respecto das orquestras, na primeira coa que estiven foi "Marazul". Para min foi a mellor porque eramos 17, dos cales cinco ou seis eramos chicas. Nesta orquestra estaba todo gravado e eu cantaba pouco, pero as miñas compañeiras cantaban menos ca min.
Despois estiven en "Tango", unha orquestra de O Porriño, na que estiven catro anos. Logo case catorce anos en "Costa Oeste" e dous en "Olympus".
Logo xa me retirei, aínda que fixen algunha substitución arredor de dous meses en orquestras nas que algunha chica marchara.


Que proxectos fixeches e cales tes nun futuro?

Sempre escribín poesía e sempre me gustou escribir cancións. De feito, no colexio facía o típico de escribir panxoliñas con música dalgúns anuncios de Nadal por exemplo, aos que lle cambiaba a letra.
Despois déuseme por escribir e compoñer porque estudei dous anos de lírico en Vigo con 17 anos. Logo marchei a Madrid cinco anos nos que estiven cunha mestra de canto que se chamaba Connie Phill e coa que estudei improvisación, armonía e iniciación ao Jazz; aí foi onde realmente aprendín.
Agora estou de corista con Roi Casal; tamén , no musical de Panorama; sigo compoñendo e cantando. Isto creo que o seguirei facendo toda a vida, seguirei cantando e compoñendo.

Que soñas conseguir no mundo da música?

Cando era nova, soñaba con ser famosa, quería ser Madonna, porque me gustaba ela; Bon Jovi e Mecano. Sen embargo, van pasando os anos, facéndote maior e simplemente agora gustaríame vivir do que me gusta facer: dar clases de canto, que alguén famoso me comprara algún tema... isto faríame feliz, á parte de rica.
Gustaríame seguir cantando, non pido ser famosa, pero gustaríame cantar sempre.

Quen é o teu ídolo na música?

Teño moitos ídolos. A miña musa é Celine Dion. Encántame Chaka Khan, Jon Mayer, Bon Jovi. Gústame moito a música dos oitenta, que é a época da mellor música. Nesta época a música española estaba moi en auxe e, por iso ,gústanme tamén La Guardia, Los Secretos...

Tes apoio na túa familia? Sempre o tiveches?

Non, non o tiven. É máis, a miña nai castigábame e sacábame de música e de baile que era o que eu quería de pequena: cantar e bailar. Por ignorancia dos meus pais castigábanme e sacábanme pero despois ao verme caíalle a baba, aínda que cando comecei con 17 anos, miña nai, que era máis anticuada, tiña medo.

Dos traballos realizados, cales foron os máis complicados?

Dende que comecei ata agora, quizás o máis complicado foi cando substituín a Silvia Ferre no proxecto de Roi Casal. Tívenme que chapar os tres discos, estudando os temas exactamente como os cantaba Silvia, non o puiden facer á miña maneira. Do resto, como é o que me gusta facer, non me resulta complexo. Sen embargo, non me poñas a facer unha torta ou un guiso, porque non me vai saír, pero facer unha canción, si.

Agora mesmo, en que traballas?

Agora estou con Roi Casal, dou clases de canto e estou no musical de Panorama.

Tes outras afeccións?

Non, tocar e cantar. Non teño outras, non me gusta coser, non me gusta pintar, non me gusta a informática. Para gravar vólvome tola, pero teño que aprender. Bueno, gústame moito o deporte, sempre fun moi deportista; gustábame moito bailar, aínda que agora xa non tanto, debe ser a idade.

Se non foses cantante, que outro oficio che gustaría?

Cando acabei os estudos e non sabía que facer, non quería facer ningunha carreira e empecei con psicoloxía pero, ao final, non me gustaba. Ao final fixen auxiliar de clínica, nunca exercín pero fixen prácticas en catro hospitais. Houbérame gustado ser enfermeira, é moi distinto, pero gustaríame selo e penso que podería facelo ben.

Con quen che gustaría facer un dueto?

Posmo moi complicado! Con Celine Dion, con Lara Fabian e con xente que agora non recordo o nome pero que hai en Internet que non se lle coñece pero que é moi boa. O que me gustaría é facer unha canción e que ma cantara alguén famoso, non polo feito de ter cartos, senón por facela eu, escribila, isto é o que me gustaría.

Tocas algún instrumento?

Si, toco a guitarra un pouco e o piano. Fixen Piano Complementario e é o que me gusta, tocar e cantar pero tería que aprender moito máis. Agora estou coas maracas pero é moi complicado, para iso hai que nacer.

Que é o que máis che inspira para cantar ou compoñer?

Cada canción foi unha situación real na vida. Sexa de amor, de inxustiza, de cando deixei o mundo das orquestras e de repente, despois de traballar 20 ou 25 anos, atopeime con que non sabía que facer, non sabía como ubicarme e houbo tres anos que estiven un pouco perdida pero cada vez que me sucede algo na vida, parece que teño que plasmalo nunha canción. Cada vez que vou  compoñer é porque o teño, póñome no piano, póñome a escribir e sáeme nese momento. Non podo dicir: “vou a compoñer”, teño que estar inspirada para facelo.





Nestes enlaces podemos apreciar algúns dos seus traballos:




Desexámoslle a Marta Valiño o maior dos éxitos!!

2 comentarios:

  1. Encantoume a entrevista felicitacións a Pablo
    Estiven pensando que Manu Conde,que sodes bos amigos,podría compoñer unha peza para que Tania e eu a toquemos e, po r suposto que ti a cantes.

    ResponderEliminar
  2. Paréceme una idea estupenda....dous grandes con otras dúas futuras grandes músicas...
    Agardemos que o teñan en conta e a ver se se animan.
    Ogallá que todo este traballo ben feito teña una continuación nun futuro non moi lonxano.
    Todo o esforzo que están a poñer est@s alumn@s ,facendo este tipo de actividades ,verase recompensado moi pronto.
    Xa veredes do que van ser capaces!!!

    ResponderEliminar