ENTREVISTA
A PEPE CASTAÑO DIOS
Pepe Castaño e a autora desta reportaxe. |
Pepe naceu en Oeste no ano 1952. A súa infancia transcorre con
normalidade, coma a de calquera outro rapaz da vila. Era moi
afeccionado ós deportes e practicou varios, pero sobre todo o
fútbol. Non o facía moi mal e pasou por todas as categorías
federadas do Club Catoira. Comeza os estudos facendo todo o
Bachareleto por libre e despois ingresa na Universidade. Primeiro
acabou a carreira de Filoloxía Inglesa e máis tarde completou os
estudios ca de Xermánicas, na Universidade de Salamanca. Pero
como era moi afeccionado ó deporte nunca deixou de aprender e
prepararse neste campo. Titulouse como adestrador de tenis, voleibol…
e por suposto en fútbol. Cando xa estaba dando clases de inglés nos
Institutos, dedicouse a preparar a especialidade de Educación
Física. Como tamén sacou a titulación necesaria pasou a dar clases
na materia de Ximnasia. Así ata hoxe que compaxina as dúas no
Instituto Cotarelo de Vilagarcía. Durante seis anos tamén realizou
tarefas na Cadena SER, tanto en Radio Arosa como en Radio
Pontevedra. Para rematar co deporte direi que foi moitos anos
adestrador do Club Catoira, aínda que tamén adestrou no Arousa ou
no Vilalonga. Pero o que lle tirou moito a Pepe sempre foron as
actividades culturais e sociais. Gustaballe organizar festivais,
campionatos… colaborando sempre con quen lle pedía a súa
participación. Así ata hoxe, que xa toma as cousas con máis calma.
Iso non lle impide escribir artigos en revistas ou publicar algún
que outro libro.
– É moi difícil escribir un libro?
– Depende de que tipo de libro. Para escribir unha novela hai que
ter moita imaxinación… e para os que eu levo sacado fai falta
bastante tempo e ter moito interese pola vida da xente do teu pobo.
– Cando decidiches escribir libros e por que?
– Ía escribindo historias e relatos curtos nos libros das festas
e en publicacións locais. Algunha xente me dicía que as estaba a
coleccionar, pero que lle faltaba algunha. Así que me empezaron a
propoñer que as xuntase nun libro. Collín as que me pareceron e
engadín outras e así se publicou o primeiro.
– “Aquela Xente de Catoira” e “Oeste, cen anos de
historia-s” falan sobre a xente de Catoira. Por que che gusta
escribir sobre eso?
– Porque sempre me tirou todo o relacionado con Catoira. Aínda
que pareza raro nunca tiven gran preocupación polas cousas doutros
lugares, o que non quere dicir que non me interesen. Por darche uns
exemplos, no fútbol a miña única aspiración só era estar no
Catoira e as veces que estiven noutro lado xa estaba a pensar en
volver. A nivel de política algún partido me tentou para que me
afiliase e case garantindo que axiña tería un posto a niveis máis
altos que o ámbito local. Nin o quixen valorar. Así que podes
comprender por que escribo sobre Catoira.
– Cal dos dous che gustou mais escribir?
– Pode que “Oeste, cen anos de historia-s” por ser o
primeiro. En “Aquela Xente de Catoira” penso que o puiden
redondear mellor. Pero son totalmente diferentes. No primeiro relatos
curtos, no segundo historias amplas e sobre todo moito material
fotográfico.
– Que lle cambiarías se o volveses a facer?
– Varias cousas. Por dicir algunha pois cambiar o tamaño dalgunha foto que quedou pequena, incluír algunha que non entrou,
poñer un índice máis fácil para chegar enseguida ó apartado que a un lle interese ver… Sempre se pode mellorar.
– Canto tempo che levou cada libro?
– Moito, porque este tipo de publicacións requiren escoitar a
moitas persoas, ler xornais antigos, recompilar un gran número de
material fotográfico e documental. Estouche a falar de máis de
media ducia de anos por cada un, sobre todo “Aquela Xente de
Catoira”. E iso que tiven boa colaboración dalgunhas persoas ;uns, acompañándome polas casas, outros, ofrecéndome
desinteresadamente fotografías e obxectos diversos. E por enriba de
todo a xente maior que me ía contando todas esas historias e
anécdotas.
– Cando che gusta máis escribir de noite ou de día?
– Boa pregunta… pois de noite, sen dúbida, concéntrome mellor; sempre me pasou o mesmo.
– Empezaches un pouco tarde a escribir, non?
– Podemos dicir que si. Pero como che dicía antes xurdiu por
casualidade, non tiña especial interese en dedicarlle tempo a isto.
– Gustaríache escribir sobre outros temas?
– Si, pero non chega con que a un lle guste, hai que estar moi
preparado nun tema para poder publicar un libro sobre el.
– Tamén escribes na "Xanela Aberta", unha revista local, de que
cousas falas?
– Inicialmente historias e anécdotas deportivas. Pero moitas
veces este só é un pretexto para poder contar outras facetas e
sacar un pouco á luz cousas da vida das persoas. Un pequeno detalle
deportivo me da pé para contar as venturas e bondades de moita xente
que se non quedaría no anonimato. O que máis me chama a atención é
que as lea tamén xente nova, cando poden parecer máis cousa de
maiores.
– Non sería boa idea que as escribiras nun libro?
– Pois… non me parei a o pensar. Tería que ver se hai interese
suficiente polo tema. De todos xeitos agradézoche a idea.
– Dos libros que levas lido, cales son os teus favoritos?
– Non che podo concretar algún. Ten en conta que ademais dos
lidos de xeito voluntario, tiven que ler moitos nos estudios, sobre
todo na carreira, por ser esta unha especialidade na que a literatura
é parte fundamental. Non sería xusto decantarme por uns, pois hai
moitos. Algunha cousa máis?
– Nada máis. Moitas grazas pola entrevista.
Portada do seu primeiro libro |
Portada do seu último libro |
Non sabía que fixera estes libros son moi interesantes
ResponderEliminar